Acometeranse melloras na rede de saneamento do concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os bombeos da Praza de Abasto 1 da Rúa Regueira serán os destinatarios das novas melloras que levará a cabo o Concello na rede de saneamento municipal grazas á subvención concedida a través de Parques Nacionais. Son algo máis de 15.200 euros que contribuirán a continuar mellorando a eficacia da rede de saneamento e a loitar contra os verquidos.

A subvención que vén de comunicar a Consellería de Medio Ambiente enmárcase na convocatoria de axudas financiadas polo Estado e que se conceden ás áreas de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas do que forman parte a illa de Cortegada e o arquipélago das Malveiras.

O proxecto que se financiará con estes cartos prevé a execución de tres actuacións de mellora na rede de sumidoiros e que veñen a completar outras realizadas con anterioridade con esta mesma finalidade. A primeira é a obra de modificación da entrada ao cestón de filtración de residuos sólidos e de mellora da maquinaria dun dos bombeos da zona da Praza de Abastos, na desembocadura do río do Con. A segunda e a reforma da estación de bombeo de augas residuais da Rúa Regueira e a última é a construción doutros tres cestóns para colocar en puntos da rede de saneamento que soen rexistrar problemas de atascos debido á introdución de follaxe e tamén pola mala utilización da rede que fan moitos usuarios ao botar polos váteres e desaugues materiais e obxectos indebidos que obturan os colectores e avarían a maquinaria co conseguinte desbordamento das augas residuais.

Colaboración

En calquera caso, on Concello insiste unha vez máis en facer un chamamento á cidadanía para que no desboten polo váter toalliñas hixiénicas de ningún tipo, nin outro tipo de materiais que non se desfán e que son os reponsables da maioría dos atascos e avarías que se producen na rede de saneamento.

Esta nova actuación financiada a través do parque Nacional das Illas Atlánticas enmárcase na liña que está a seguir o Concello de cara ao saneamento integral para o cal preténdense eliminar os puntos negros ou máis conflitivos respecto a aparición de verquidos. A consecución deste obxectivo será impulsada de xeito importante coas actuacións que tamén realizará a Consellería de Medio Ambiente a través do Plan de Saneamento Integral de Vilagarcía e no que a administración municipal investirá nos vindeiros anos en Vilagarcía 7 millóns de euros. As obras deste Plan autonómico xa comezaron coa actuación máis urxente que é a eliminación dun punto negro na Praia da Concha e que xa se está executando.

27 de agosto de 2013 | 23:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.