Ábrese o prazo de inscrición nas actividades culturais e deportivas para o curso 2013-2014
O Concello de Brión abre prazo de inscrición no seu programa de actividades culturais e deportivas para o novo cuso 2013-2014. Ata o próximo 20 de setembro, os interesados poderán consultar o programa de actividades, que xa está colgado na web do concello, e inscribirse nas actividades que máis lles interesen na Casa da Cultura ou a través do teléfono 981 50 99 08.
O programa, que dará comezo a partir do 1 de outubro, inclúe propostas extraescolares para nenos e nenas e un amplo abano de actividades deportivas e culturais para adultos, ademais dun programa de formación. No ámbito cultural, a Escola Municipal de Danza e Música Tradicional ofertará tres cursos: Baile galego e Pandeireta (maiores de 3 anos), Baile Moderno (de 4 a 18 anos) e Gaita e Percusión (maiores de 6 anos). Os tres cursos terán un custo de 80 euros/ano.
Paralelamente, a Escola Municipal de Música Magariños mantén aberto ata o 18 de outubro o prazo para anotarse nalgunha das 16 prazas dispoñibles para o curso 2013-2014: música e movemento (9), saxofón (3), frauta traveseira (2), trompeta/fliscorno (1) e trompa (1). Máis información na escola municipal de música Magariños, en horario de 10 a 13 horas (de luns a venres) e os martes de 16 a 19 horas; ou no teléfono 981 50 99 03.
Actividades Deportivas
No que atinxe ás escolas deportivas, a oferta do Concello de Brión abrangue predeporte (de 3 a 6 anos), iudo, patinaxe, baloncesto, fútbol sala, fútbol-7, tenis (de 6 a 16 anos) e ximnasia rítmica (de 4 a 16 anos). Todas elas terán un custe de 80 euros anuais e celebraranse no campo de fútbol municipal (Fútbol 7), no CEIP de Pedrouzos (predeporte, iudo e ximnasia rítmica) e no pavillón polideportivo (as restantes).
A oferta deportiva para os maiores de 16 anos inclúe ximnasia de mantemento, cun prezo anual de 120 euros. As outras actividades (pilates, aeróbic e ioga) celebraranse este ano na nova sala de actividades da piscina municipal de Brión, polo que as inscricións terán lugar nas instalacións da piscina e non na Casa da Cultura. Iso sí, os prezos serán os mesmos que o curso pasado.
Por último, o programa tamén inclúe tres actividades de tipo formativo. A primeira é o curso de iniciación á pintura, dirixido a veciños e veciñas entre 6 e 16 anos. Celebrarase no centro social polivalente e terá un custe de 80 euros. O segundo curso é o tradicional sobre novas tecnoloxías, dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 16 anos e que terá lugar na Aula CeMIT. O seu prezo é tamén de 80 euros anuais. Finalmente, o centro social polivalente tamén acollerá as clases de inglés para nenos e nenas entre 4 e 9 anos. Neste caso, o curso custará 150 euros.
Descontos de ata o 100%
Os importes das actividades varían entre os 80 das escolas deportivas, escola de danza e outras actividades culturais ata os 150 euros dos obradoiros de inglés. Sen embargo, o Concello de Brión contempla contempla diversas bonificacións e reduccións nas cotas para os veciños. Deste xeito, todos os menores que se inscriban en máis dunha actividade de escolas deportivas, de escola de danza e música tradicional e doutras actividades culturais só pagaran integramente a primeira actividade (a de maior importe) e obterán unha bonificación do 50% nas restantes.
Do mesmo xeito, as familias con dous fillos e as consideradas numerosas terán unha bonificación do 50% no segundo fillo e do 100% (gratuidade) no terceiro e seguintes. No caso de que o segundo fillo se inscriba nunha segunda actividade, esta bonificación do 50% non será acumulable á bonificación do 50% por participar en máis dunha proposta.
No que respecta ás actividades deportivas para adultos, ao inscribirse en máis dunha opción aplícase un desconto do 50% na segunda e restantes actividades, pagando integramente só a primeira das escollidas.











