Aberto o prazo para inscribirse na liga de fútbol sala de Teo
14 de agosto de 2013. A Concellaría de Deportes, dirixida por Anxo Rei, informa que o próximo 16 de agosto se abre o prazo para inscribirse na Liga de fútbol sala Concello de Teo. Trátase dunha competición que chega este ano á súa XVI edición e que conta cunha gran tradición e participación entre os equipos afeccionados de Teo.
Os equipos interesados en participar deben entregar a folla de solicitude debidamente cuberta no Rexistro Xeral do Concello entre o 16 de agosto e o 6 de setembro. Esta liga organízase coa intención de fomentar o deporte e valores como o traballo en equipo. As persoas que precisen máis información ou queiran consultar as bases da competición poden facelo na web www.concellodeteo.com ou no Departamento de Deportes municipal, no teléfono 981 815 700 ou no correo electrónico deportes@concellodeteo.com
Pola súa banda o venres 16 tamén se abre o prazo para solicitar o uso dos pavillóns polideportivos de Calo, Os Tilos e A Ramallosa de xeito estable no período que vai entre o 1 de outubro e o 31 de maio. As solicitudes, que se poden descargar da web municipal, pódense rexistrar no Concello entre o 16 de agosto e o 13 de setembro. Segundo informan dende Deportes o venres 20 de setembro ás 20:30 horas na Casa do Concello farase o sorteo dos módulos de horarios dispoñibles entre todas as solicitudes presentadas en prazo. As solicitudes de entidades locais e das persoas empadroadas no Concello terán preferencia.











