Aberto o prazo de inscrición para participar na II Volta a Oza
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa de que ata o próximo 8 de agosto está aberto o prazo de inscrición para participar na II Carreira Popular Volta a Oza, incluída no circuíto Coruña Corre, que se celebrará o domingo, 11 de agosto.
A carreira, coa que finaliza o circuíto, será decisiva para determinar quen é os gañadores da primeira edición de Coruña Corre. Comezará ás 10.30 horas con saída e meta no parque de San Diego e percorrerá un total de 8.000 metros pasando polo mesmo parque, as avenidas do Exército, A Pasaxe e os Caídos, e os parques de Eirís e Oza antes de volver a San Diego.
O circuíto Coruña Corre naceu coa intención de fomentar o deporte, aglutinar organizativamente ao gran número de carreiras populares en ruta que se organizan actualmente no municipio e involucrar ás asociacións veciñais e clubs de atletismo da cidade.
Os interesados en participar poderán apuntarse ata as 23.30 horas do 8 de agosto e recoller os seus números, ben o sábado 10 de agosto no Complexo Deportivo Municipal de San Diego en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.30 horas, ou ben o domingo 11 de agosto, no mesmo lugar, ata unha hora antes do inicio da competición.











