A xunta local de Ferrol aproba os proxectos de obras de mantemento no parque de bombeiros e no local veciñal de Santa Icía
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ferrol deu hoxe luz verde a tres proxectos de obra elaborados pola Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, que dirixe Guillermo Evia Pérez. Estes consisten en traballos de mantemento no edificio de Bombeiros, a reforma da cuberta da Asociación de Veciños de Santa Icía e obras de mantemento e conservación na cuberta e terrazas do Teatro Jofre. Así mesmo, na reunión ordinaria do Executivo ferrolán, tamén se aprobaron as propostas de obras de reparación e impermeabilización do inmoble da Aula de Ecoloxía Urbana situada no parque Raíña Sofía; e do lavadoiro de Insua, en Canido.
No que atinxe ao edificio de Bombeiros, o proxecto elaborado pola Oficina Técnica de Urbanismo, inclúe as seguintes actuacións: cambio parcial da cuberta e caños, impermeabilización do resto dos caños, reparación dos equipamentos dos baños e do sistema de electricidade e retirada e reposición do illamento da fibra de vidro. Ditas obras fanse necesarias debido ás continuas humidades por filtracións da cuberta en varios puntos que afectan á propia habitabilidade do inmoble. O orzamento previsto nestas actuacións é de 23.056,47 euros (21% de IVE incluído).
Outra das intervencións que esta mañá saíu adiante na Xunta de Goberno Local responde a un compromiso asumido polo alcalde da cidade, Jose Manuel Rey Varela, cos veciños/as de Santa Icía cando visitou a zona dentro do Plan de Barrios. Trátase da reforma da cuberta do local veciñal. A Concellería de Urbanismo elaborou un proxecto que contempla un investimento total de 31.961,23 euros (IVE incluído). A actuación suporá a instalación de elementos de acceso á cuberta e medios de seguridade, execución de dobre rastrelado de madeira tratada con fixación a cuberta existente, instalación de chapas metálicas de cuberta sobre o rastrelado e sellamento, instalación de remates de aleiros, bordes e cumbreira, limpeza de canelóns e retirada de equipos, residuos e xestión dos mesmos.
Teatro Jofre
O Goberno Municipal de Ferrol tamén levará a cabo obras de mantemento no Teatro Jofre, na Aula de Ecoloxía Urbana e no lavadoiro de Insua. No teatro municipal investiranse 20.345,05 euros (21% de IVE incluído) para poñer fin á entrada de agua de pluviais no interior do inmoble debido fundamentalmente á falla de mantemento. Así, acometeranse obras de limpeza xeral dos canalóns de pluviais, reposición de pezas movidas do cumio, aplicación de impermeabilización na terraza posterior da edificación e pintado de teitos afectados mediante pintura acrílica.
Na Aula de Ecoloxía Urbana do parque Raíña Sofía a Administración ferrolá acometerá por 19.822,68 euros (21% de IVE incluído) traballos de conservación e mantemento para eliminar as humidades. A cuberta precisa de limpeza e cambio de tellas, as terrazas teñen pinturas impermeabilizantes vellas e carteadas e as fachadas precisan ser pintadas.
Unha última actuación de mantemento aprobada pola Xunta de Goberno Local permitirá recuperar o lavadoiro de Insua, en Canido. As obras, presupostadas en 18.818,49 euros (21% de IVE incluído) afectarán a cuberta, debido a que da mesma desprendéronse varias tellas. Así mesmo, é necesario proceder ao pintado dos paramentos verticais do lavadoiro que neste momento teñen pintadas e grafitos, así como a limpeza do vaso do lavadoiro. Tamén se intervirá nos bancos e papeleiras de madeira existentes na zona axardinada.
Outros asuntos
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno Local aprobou a ampliación da rede de saneamento na rúa Marola para dar así servizo ao CEIP Juan de Lángara, cun investimento de 10.583,72 euros (21% de IVE engadido). E, por último, tamén se deu luz verde ao acordo de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Estación de Autobuses de Ferrol S.A para a cesión de dous locais da terminal de autobuses hoxe baleiros para o uso da Agrupación de Voluntarias de Protección Civil de Ferrol.











