A Xunta de Goberno Local avanza na creación dunha zona verde en Santa Teresita coa aprobación das ofertas para a adxudicación
A construción dunha gran zona verde no barrio de Santa Teresita deu un paso adiante esta mañá coa aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local, da ordenación das ofertas presentadas ao concurso convocado polo Concello para adxudicar as obras de urbanización dos terreos nos que se construirá este novo equipamento de lecer ao servizo dos veciños da zona norte da cidade. As obras teñen un orzamento de 963.898,31 euros.
Aprobado o proxecto, e convocado un concurso para adxudicar as obras, presentaron as súas ofertas un total de 21 empresas. Unha vez avaliadas as súas ofertas dende o punto de vista técnico e económico, a que obtivo a mellor valoración foi a da empresa Acciona Medio Ambiente. No seu acordo, o Concello require á empresa a que presente a documentación necesaria para subscribir o contrato e constituír a garantía para realizar as obras.
O proxecto consiste na urbanización dos terreos para zonas verdes e espazos libres na Área de Reparto 22 N (zona 1 do SU-41 segundo o PXOM vixente), na mazá formada polas rúas Alejandro Pedrosa, Santa Teresita, río Xares, río Bubal e río Limia, cunha superficie total de 35.100 m2, dos cales 6.300 m2 son zonas verdes.
O proxecto pretende a recuperación do interior da mazá para uso e desfrute dos veciños, cun deseño baseado fundamentalmente nunha zona verde adicada ao ocio e xogos infantís, adaptándose á topografía existente, e garantindo a sostibilidade da intervención.
No referido aos accesos, adecentaranse os dous existentes, tanto dende as rúas Xares e Bubal como dende as rúas Alejandro Pedrosa e río Limia, xenerarase á súa vez un vial peonil e ocasionalmente vehicular (mantemento, emerxencias, etc.), baseado na circulación preexistente na zona. En todo o trazado do vial peonil instalarase unha zona de merendeiro con mesas, bancos de pedra e zona de descanso.
Espazo verde e zona de xogos
O espazo, que ata o de agora conta con claros déficits dotacionais, incorporará unha nova zona de xogos cunha ampla gama de funcións lúdicas, tanto no plano da motricidade e sensorial, como na calidade dos intercambios que os nenos realizarán entre eles. Proponse unha serie de xogos adaptados a nenos de diversas idades e inquedanzas: unha torre temática, unha esfera, columpios e diversos xogos de muelles destinados a nenos ata 8 anos; e un diábolo, xogos de rotación e columpios para nenos ata 12 anos. Tamén se incorporarán novos bancos, papeleiras, mesas e varandas.
A zona será dotada dun gran espazo verde, cunha nova vexetación resistente, de colorido variado e axeitada ao medio climático, e que incorporará 78 novas árbores de nove especies diferentes, e 138 novos arbustos de sete especies, que encherán os espazos de tapiz vexetal e flores.
Fases da actuación
A actuación comprenderá unha serie de pasos que comezarán cun movemento de terras e demolicións, co fin de conformar os viais e as seccións de pavimento segundo os perfís que definen os planos, así como a desmontaxe dalgún dos elementos urbanos existentes. A continuación, construiranse dous muros, un de formigón para o sostemento das terras e a conformación xeométrica das gradas, e outro de escollera, para reforzar a seguridade da actuación.
Así mesmo, renovarase a rede de abastecemento con seis novas conexións na rede xa existente e novas tuberías. A rede de rego será renovada para obter un aproveitamento máximo da dispoñibilidade da auga, que garanta a máxima eficacia do sistema e se adapte ás características do terreo e ás especies que se pretenden introducir. No que respecta á rede de saneamento, proxéctase unha única rede de saneamento con tubería de PVC, con novos pozos, sumideiros e unha nova rede de drenaxe.
Instalarase tamén unha rede de distribución para o suministro de gas natural, para facer fronte ás demandas de gas natural nos terreos onde se desenvolverán as obras. No referente á rede de alumeado, o proxecto contempla a dotación dunha instalación de iluminación óptima, tanto dende o punto de vista luminotécnico como económico, aos viais e á zona verde prevista, seguindo os parámetros para acadar unha maior eficiencia enerxética e seguridade vial. Contempla tamén a instalación de rede en canalización subterránea de telecomunicaciones, como alternativa ás instalacións aéreas por postes.
No referido ás superficies, instalarase novo pavimento en tódala zona, incluíndo os viais, os aparcadoiros, as beirarrúas, as calzadas, a zona de xogos e a pista deportiva.
Mantemento de zonas verdes
Tamén esta mañá a Xunta de Goberno Local aprobou a ordenación decrecente das ofertas das empresas que concurriron ao concurso convocado polo Concello para adxudicar o servizo de mantemento e mellora de zonas verdes públicas.
O contrato inclúe o mantemento e conservación da totalidade das zonas verdes públicas (xardíns, espazos verdes, arborado, arborado de alcorques e xardineiras) situadas en tres distritos da cidade: A Ponte, O Couto – A Carballeira e A Cuña-Casco Vello.
Ata agora, o servizo viña sendo prestado por dúas empresas diferentes: Acciona Medio Ambiente, que se encargaba das zonas correspondentes aos barrios do Couto e A Carballeira e A Cuña-Casco Vello), e a empresa CESPA Jardinería, como responsable de A Ponte.
Rematada a concesión inicial, o Concello convocou un concurso para adxudicar, neste caso conxuntamente, o mantemento das tres zonas. Ademais, como novidade, a adxudicataria do contrato asumirá a totalidade das zonas verdes de cada un dos tres distritos (antes algúns espazos seguían sendo atendidos polo Concello), incluíndo zonas como o paseo da marxe esquerda do río Miño: Paseo das Ninfas ou os paseos do Barbaña. Os outros dous distritos seguirán sendo atendidsos directamente polo Concello, a través das brigadas municipais.
Presentaron a súa oferta para participar no concurso un total de 14 empresas. Unha vez avaliadas polos servizos técnicos municipais dende un punto de vista técnico e económico as súas ofertas, a mellor valorada foi a de CESPA Jardinería.
No acordo aprobado esta mañá, o Concello require a esta empresa para que presente a documentación precisa e constitúa a garantía definitiva para a prestación do servizo.











