A XUNTA DE GOBERNO APROBA A MODIFICACIÓN DO PROXECTO DO OBRADOIRO DE EMPREGO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse hoxe nunha sesión ordinaria na que o punto máis destacado da orde do día foi a aprobación da modificación do proxecto do obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego que se está a organizar co municipio veciño. O motivo do cambio no programa é adaptalo ao acordo de financiamento por parte da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, que achegará máis de 213.000 euros.

Dita cantidade posibilitará aos concellos da Laracha e de Arteixo poñer en marcha dúas especialidades nas que existe actualmente unha demanda real de traballadores cualificados, como son a atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e a montaxe e mantemento de instalacións térmicas solares.

Os concellos organizadores do obradoiro de emprego acordaron que a formación específica da especialidade en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais se desenvolva na Laracha e a referida ao montaxe e mantemento de instalacións térmicas solares, en Arteixo. A formación común que deberán realizar ambos módulos impartirase na Laracha.

En total, entre as dúas especialidades, serán contratados 24 alumnos-traballadores durante os seis meses de duración do obradoiro A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego. Nos próximos días enviarase a correspondente oferta pública de emprego ao INEM, que emitirá un listado de candidatos que se adapten ao perfil requirido. Por tanto, as persoas que desexen formar parte do proceso de selección dos alumnos-traballadores, deben estar inscritas na súa oficina de emprego de referencia como demandantes de emprego e, ademais, como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro.

A cooperación entre os Concellos da Laracha e de Arteixo aumentou as posibilidades de optar a este obradoiro de emprego que en poucas semanas será unha realidade. Os gobernos locais de ambos municipios colaboraron para tomar medidas reais e efectivas dirixidas a mellorar a empregabilidade dos veciños e facilitarlles a súa futura inserción no mercado laboral, xa no ámbito privado, en dous sectores en auxe.

Antena Retegal

Na sesión celebrada hoxe concedeuse a licenza de obra para a que a Xunta de Galicia, a través da sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), instale unha antena de telecomunicacións no coto de A Viña (parroquia de Vilaño) coa que se reforzará a cobertura de banda larga de internet en varias zonas do municipio, especialmente no casco urbano da Laracha e nos vales dos ríos Anllóns e Acheiro, afectando, en concreto, a núcleos de poboación das parroquias de Torás, Vilaño, Golmar, Cabovilaño e Lendo.

Por iniciativa do goberno local, e ao tratarse dunha obra promovida por unha administración pública para a implantación dun servizo de interese comunitario, no último Pleno da Corporación municipal acordárase aplicar unha bonificación do 75% no imposto sobre instalacións, construcións e obras (ICIO), tal e como permite a ordenanza fiscal municipal.

O proxecto será financiado con fondos do Plan de Banda Larga promovido pola Xunta de Galicia, por medio do cal xa se instalara en febreiro de 2012 outra antena no Monte do Vilar coa que se deu cobertura a unha trintena de núcleos de poboación das parroquias de Coiro, Erboedo, Soandres, Golmar, Soutullo e Lestón.

Licencias urbanísticas

Ademais da licenza concedida a Retegal, foron outorgadas outra maior para a construción dunha vivenda unifamiliar e dez para obras consideradas menores.

12 de agosto de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.