A xoiaría Fondevila é distinguida pola súa traxectoria de máis de sesenta anos
A Asociación de Comerciantes de A Estrada-Centro Comercial Aberto é a protagonista desta semana da iniciativa da Consellería, que destaca o papel destas asociacións no impulso ao comercio de proximidade.
A Xunta de Galicia distinguiu, coa entrega dun diploma conmemorativo, a traxectoria da xoiaría estradense Fondevila, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, da que esta semana é protagonista a Asociación de comerciantes de A Estrada- Centro Comercial Aberto, que conta con máis de 140 asociados.
Esta iniciativa, que a Xunta pon a disposición dos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es, busca resaltar o comercio de proximidade e o papel clave dos centros comerciais na súa dinamización, así como distinguir os establecementos de maior traxectoria de cada CCA, que souberon adaptarse ao paso do tempo grazas á calidade, á proximidade e á innovación que os caracterizan. Este é o caso da Xoiaría Fondevila, unha empresa familiar que iniciou o seu percorrido no pequeno comercio estradense en 1951 e á fronte da cal está na actualidade José Manuel Fondevila López, fillo do fundador.
Economía e Industria, coa campaña “A semana do teu comercio”, reafirma o seu compromiso co comercio como sector clave para a reactivación económica das vilas e cidades galegas. Neste sentido, a Consellería vén de resolver axudas por preto de 2 millóns de euros para impulsar iniciativas de dinamización do comercio de proximidade nos CCA e prazas de abastos, sendo o Centro Comercial Aberto de A Estrada un dos beneficiarios, con 40.000 euros.
No que vai de ano, a Xunta leva destinado máis de 8,5 millóns de euros a liñas de apoio ao pequeno comercio así como ao incentivo das vendas, impulsando o asociacionismo, promovendo a incorporación das TIC e apoiando aos concellos na renovación das infraestruturas comerciais.











