A XLII Travesía a Nado ao dique Barrié de la Maza celébrase o sábado 31 de agosto
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes, colabora co Club Natación Coruña na organización da XLII edición da Travesía a Nado ao dique Barrié de la Maza, que se disputará o próximo sábado, 31 de agosto, a partir das 12.00 horas.
Este ano, a proba cambiou de data, pois normalmente se celebra en xullo, pero suspendeuse tras o accidente ferroviario de Santiago. A competición está incluída no Circuíto de Travesías da Federación Galega de Natación. Empezará ás 12.00 horas do sábado dende as instalacións de Mariña Coruña, coa saída dos nadadores da categoría absoluta, para a continuación, con 3 minutos de diferenza, saír os participantes en infantís e júnior, e 3 minutos despois, os menores e veteranos. En total, 8 categorías masculinas e 8 femininas, co obxectivo de que todas as persoas que desexen participar poidan facelo. A entrega de trofeos será no dique ás 14.00 horas.
A Travesía a Nado ao dique Barrié de la Maza converteuse nun referente deportivo. O ano pasado, participaron máis de 200 nadadores nunha edición onde a vitoria en categoría absoluta foi para Laura Pimentel, do Pavillón de Ourense, e para David Lata, do Cidade de Santiago.











