A XII Festa do Pan do Salnés en Ribadumia espera reunir a 1.500 persoas na Carballeira e nos Muíños do Batán

Presentación do festexo gastronómico
A alcaldesa de Ribadumia Salomé Peña e a concelleira de Cultura, Susana Fandiño, presentaron esta mañá a décimo segunda edición da Festa do Pan do Salnés, acompañados por representantes das asociacións locais que colaboran coa súa organización. Como cada ano, a Carballeira de Ribadumia e os Muíños do Batán serán os escenarios da celebración do próximo sábado día 10 de agosto. “O noso obxectivo céntrase principalmente en manter viva unha tradición que vén de moi atrás, e permitir deste xeito que as novas xeracións coñezan, dun xeito lúdico e cultural, como as nosas familias elaboraban o seu propio pan nos muíños de auga e como as súas formas de vida transcorrían entorno a estas construccións”, resaltou a alcaldesa. Salomé Peña destacou durante a presentación o “carácter familiar” da festa, ao mesmo tempo que recordou que “Esta é unha festa que naceu en Ribadumia como resposta á importante presencia de muíños no noso municipio e pouco a pouco foise arraigando no noso concello así como no resto da comarca”.
A duodécima edición da Festa do Pan do Salnés comezará ás 18:00 horas na Carballeira de Ribadumia, coa recollida de mostras participantes no concurso de postres e empanadas que premiarán o gañador con 100 e 150€ respectivamente. As 19:00h comezan os obradoiros de pan para os mais pequenos e xa as 21:00h nos Muíños do Batán realizarase a tradicional recreación da moenda e elaboración do pan. Alí, as Cantadeiras do Alecrín interpretarán varias das cancións que conforman o seu repertorio popular, momento no que os asistentes poden descubrir e coñecer o interior das construcións así como as pezas que os conforman.
As 22:00 horas ofreceranse de xeito gratuíto na carballeira de Ribadumia numerosas variedades de pan aos asistentes acompañados por ovos e tinto de Barrantes o módico prezo de 1 e 1,50€. Ademais, haberá postos de venda de polbo á feira así como verbena para animar a noite a cargo do Trío Bahía.
Desde o Concello espérase unha importante participación nesta festa, sumando preto de 1.500 comensais.











