A X Roda Cicloturista de San Sadurniño incluirá un tramo de 13 quilómetros que percorrerá Bardaos
Dar unha volta polo territorio compartindo unha xornada en bicicleta ao aire libre. Ese é un dos principais obxectivos da roda cicloturista que están preparando o Concello e o clube Biela e Chaveta para o sábado 7 de setembro. Trátase dunha ruta de 13 quilómetros de baixa dificultade que partirá do local social de Bardaos ás 11 da mañá. As inscricións poden empezar a facerse.
A ruta non é unha competición, senón un encontro de todos os amantes das dúas rodas para gozar dun paseo de lecer por San Sadurniño. É gratuíta e pode participar nela calquera persoa maior de seis anos. Só fai falla cubrir a ficha de inscrición e entregala na casa da Cultura ou o mesmo día da excursión no punto de saída. A inscrición é imprescindible para ter a cobertura do seguro de responsabilidade civil e de accidentes suscrito pola organización para o evento.
A roda arrancará o sábado 7 de setembro ás 11 da mañá do local social de Bardaos, que neses días celebra as festas na honra de Santa María coñecidas popularmente como o San Pipote. É obrigatorio o uso do casco e cómpre ter en conta que o tráfico non estará pechado durante o percorrido. Ademais, ningún participante poderá abandonar sen antes comunicarllo á organización. O regulamento entende que as persoas inscritas son responsables desde un punto de vista legal e que participan na roda a título persoal como excursionistas. A liña de chegada tamén estará situada no local social.
A décima edición da Roda Cicloturista en familia está organizada pola Concellaría de Deportes en colaboración co clube ciclista MTB Biela e Chaveta, quen suscribiu un convenio co Concello para impulsar este deporte no municipio. Ademais, no evento tamén colaboran firmas comerciais -EM Luz, Igaro Bikes e Restaurante Riboira-, ademais da Deputación da Coruña.
Desde o Concello animan a participar na ruta “pola beleza do percorrido” e porque se trata dunha marcha “que poden completar persoas de calquera idade xa que non hai pendentes fortes e o ritmo do grupo vai ser o propio dun paseo”, explica o titular de Deportes, Suso Soto.











