publicidade hoxe

A Volta Ciclista Junior subirá ao Faro de Fisterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCeeFisterraLocal
A-
A+

O próximo martes 27 de agosto A Volta Ciclista a España rematará a súa cuarta etapa no Faro de Fisterra, despois de pasar por once concellos da provincia da Coruña.

Antes da chegada do pelotón de profesionais á meta, un grupo de xoves ciclistas da provincia realizarán o último tramo dentro da Volta Júnior.

A partir das 15.00 horas dese mesmo día realizaranse 4 carreiras no último quilómetro do percorrido nas que participarán entre 100 e 150 rapaces e rapazas de 3º,4º, 5º e 6º de primaria.

Os participantes formaron parte durante o curso das aulas ciclistas, un programa educativo paralelo a esta proba deportiva coa que ex ciclistas profesionais dan clases teórico-prácticas en colexios e escolas de concellos que forman parte do percorrido de cada edición.

Durante estas clases realizouse en cada centro unha gymkana para pór en práctica o aprendido e que serviu para realizar a selección dos participantes nesta versión Júnior da Volta.

Ao finalizar as carreiras infantís, os gañadores e gañadoras subirán ao podio da Volta Júnior. Despois, todos os participantes, así como as súas familias, poderán gozar da chegada do pelotón ao Faro de Fisterra.

Do mesmo xeito, ao remate da Etapa do Fin do Mundo, os gañadores da Volta Júnior subirán de novo ao podio para facerse fotografías cos vencedores. Todos os participantes terán unha camiseta e unha mochila como regalo e recordo por esta experiencia.

O obxectivo desta carreira é promover a práctica deportiva entre os máis xoves, fomentar os hábitos de vida saudables e o uso da bicicleta dun xeito responsable e seguro como medio de transporte alternativo.

Marcha cicloturista en Cee

Ademais, este domingo día 25 a Deputación da Coruña e o Club Ciclista de Cee organizan unha marcha cicloturista dentro das actividades postas en marcha ao redor da Etapa do Fin do Mundo.

A marcha, con saída ás dez da mañá do Polideportivo Municipal de Cee e chegada ao mesmo lugar, percorrerá durante 115 quilómetros os arredores desta localidade e, durante a súa celebración, os participantes contarán con avituallamento sólido e líquido, asistencia mecánica e asistencia médica, así como vestiarios para o seu uso ao final do traxecto.

A chegada á meta está prevista para as tres da tarde.

24 de agosto de 2013 | 01:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.