A V Feira Rural de San Sadurniño celebrarase, con expectativas de máis expositores, o sábado 24 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

O Concello ten practicamente lista a edición deste ano da Feira Rural que nesta ocasión se fai cadrar coa segunda edición do mercado local xusto. Dous eventos cos que se tentan poñer en valor tanto os mercados de proximidade como o potencial de crecemento do medio rural. A feira desenvolverase durante todo o sábado 24 de agosto con mostras de produtos da terra, concursos, música, artesanía e outras actividades paralelas. Este ano o Concello decidiu concentrar o encontro na leira do Arboreto Galego, mentres que o lugar das anteriores edicións se destinará ás probas da II Copa Agility e aos obradoiros de equitación a pelo. Os expositores poden inscribirse ata o 17 de agosto.

A feira pretende ser unha chamada de atención sobre a necesidade de diversificar a economía rural dun xeito sustentable e aproveitando todos os recursos que ofrece o contorno, xa sexan naturais, agrícolas, patrimoniais ou de calquera outro tipo. 

Un obxectivo que move ao Concello e á Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume a organizar de novo a Feira Rural aínda que, iso si, introducindo pequenos cambios organizativos. Deste xeito, a cita pasa de primeiros a finais de agosto e tamén se move un chisco para albergar máis actividades, de maneira que os postos se distribuirán polos carreiros do Arboreto Galego e pola beira do río. As inscricións están abertas ata o 17 de agosto ás 13.00h e haberá que enviar ou entregar no Concello a solicitude que hai ao pé desta nova.

A V Feira Rural de San Sadurniño comezará ás 10.30h e prolongarase até as 19.30 cun completo programa de actividades principais e outras complementarias. Entre as principais cóntase a exposición e o concurso de froita autóctona, no que poderán participar aquelas persoas que teñan variedades do país. Ademais tamén se habilitará espazo para que os produtores da zona poidan comercializar directamente os seus produtos de calidade. De feito, á feira incorporaranse a práctica totalidade dos expositores e expositoras que participaron no mercado local xusto do mes de xuño, onde se deron cita comercializadores agroalimentarios, artesáns e mesmo persoas interesadas en mercar, vender ou intercambiar artigos de segunda man.

Actividades paralelas

Este ano a feira reforza o apartado musical con tres actuacións. Desde media mañá os Berros do Castro farán un pasarrúas por todo o contorno e xa pola tarde tomaralles o relevo César Freiría -Cé Orquestra Pantasma- e a agrupación Kompainia Elai Alai Dantza & Musika Taldea, de Euskadi.

Tamén se desenvolverán actividades para os máis novos, como pode ser o descenso en caiac polo río Xubia, os xogos tradicionais ou os obradoiros de comida creativa. Pola mañá Leandro Lamas e Miguel Anxo Romero presentarán o seu libro “Pompas de Cores”, haberá catas de viño e sidra do país e tamén se lle dará a saída á IX Ruta Cicloturista Concello de San Sadurniño. 

Xunto con estas actividades a organización reservou espazo para cinco exposicións relacionadas coa artesanía, a sustentabilidade, a apicultura e as razas de can e galiña autóctonas. En relación co mundo animal, tamén pola mañá, desenvolverase a II Copa Agility -adestramento de cans- Concello de San Sadurniño e durante todo o día haberá un obradoiro para aprender a montar a cabalo a pelo. Actividades estas últimas que terán lugar na leira da Cortiña onde antes se situaba a carpa da feira.

Para xantar haberá unha zona na que se servirán racións de churrasco -con pan e bebida- a 10€, ou ben de polbo a 12€. Outra opción é ir comer a algún dos establecementos hostaleiros que hai repartidos por todo San Sadurniño, aínda que nese caso é aconsellable ir chamando para reservar, sobre todo naqueles máis próximos ao recinto da feira.

9 de agosto de 2013 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.