A Travesía á Ría Abelardo López de natación celebrarase o sábado 24 en Ferrol
Martínez Galdós destacou que o evento xa é todo un clásico e que pretende recordar ao nadador de longas distancias. A proba está organizada polo Concello de Ferrol en colaboración coa Asociación de Pais e Amigos Nadadores do Club Marina Ferrol.

Presentación da Travesía
Presentouse esta mañá a XXIII edición Travesía á Ría Abelardo López de natación que se celebrará o vindeiro sábado, día 24, ás 18:30 horas e que descorrerá sobre un triángulo, dentro da enseada da Malata, nas instalacións náuticas de A Cabana. A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, estivo acompañada na presentación do evento deportivo pola filla do homenaxeado, Elisa López Carro. A proba está organizada polo Concello de Ferrol e conta coa colaboración da Asociación de Pais e Amigos Nadadores do Club Marina Ferrol.
A titular de Deportes sinalou que “é un número moi importante de edicións que avala a importancia deste evento deportivo”. Esta travesía, xa un clásico, pretende recordar ao nadador Abelardo López, nado en Cariño no ano 1887 e nadador de largas distancias en mar aberto como a realizada entre A Carraca e Cádiz (12 quilómetros) ou Cádiz-Rota (13 quilómetros). A proba disputarase en nove categorías tanto masculinas como femininas: categoría A (nados no ano 2002 e posterior para homes e nadas no ano 2003 e posterior para mulleres); B (nados entre 2000-2001 para homes e nadas entre 2001-2002 para mulleres); C (nados entre 1997-1999 para homes e nadas entre 1999-2000 para mulleres); D (nados entre 1995-1996 para homes e nadas entre 1997-1998 para mulleres); E (nados entre 1988-1994 para homes e nadas entre 1988-1996 para mulleres); F (1980-87); G (1970-79); H (1960-1969) e I (1959 e anteriores). Así mesmo, serán establecidos dous percorridos: un deles, de 2.000 metros, para as categorías C,D,E e F e outro, de 1.000 metros para as categorías A,B,G,H e I.
Inscrición
O prazo de inscrición para participar na XXIII edición Travesía Á Ría Abelardo López remata o vindeiro xoves día 22 de agosto e poderán participar todos os nadadores que o desexen, posúan ou non licencia federativa. Os interesados poderán formalizar a súa inscrición no correo electrónico do Club Marina Ferrol: clubmarinaferrol@gmail.com











