A Semana Infantil de Cedeira arranca o 5 de agosto coas Probas Atléticas
A Semana Infantil organizada polo Concello de Cedeira como antesala das Festas Patronais da vila arrancará este luns, 5 de agosto. Será a partir das 11 horas no Parque do Sagrado Corazón.
Este converterase nun mini estadio para acoller as “Pruebas Atléticas”, onde nenos e nenas poderán participar en carreiras de velocidade, resistencia e relevos e optar aos premios para os mellores clasificados.
Ao día seguinte, martes, Cedeira acollerá os “Xogos dos Avós”. Entre as 11 e as 14 horas, o Concello propón esquecerse da videoconsola e recuperar aqueles xogos de toda a vida como o pano, a carreta, a cadeira ou os zancos, entre outras propostas. As actividades continuarán o mércores coas “Carreiras do Humor”. Propóñense varias modalidades nas que haberá que ser o máis rápido pero con moita habilidade: carreiras de sacos ou portando un ovo nunha culler. O xoves será a quenda do tradicional concurso de Castelos na area.
Dende as 11 horas, nenos e nenas poderán realizar as súas creacións na praia da Madalena. E, finalmente, o venres, a partir das 20 horas, dará comezo a Carreira Popular, con punto de partida na Praza do Sagrado Corazón.
Todas as actividades son gratuítas e non requiren de inscrición previa, agás a Carreira Popular, cuxo prazo para anotarse se abrirá unha hora antes do inicio.











