A Semana Grande de Ferrol clausúrase co concerto de Fangoria
As Festas de Verán organizadas polo Concello de Ferrol aproxímanse ao seu remate cos tradicionais fogos artificiais en honor ao Marqués de Amboaxe, un espectáculo de luz e cor que se poderá ver mañá, sábado, en todo o seu esplendor dende o paseo da Malata. O espectáculo pirotécnico dará comezo ás 23:15 horas e correrá a cargo da Pirotecnia Rocha Areas, gañadora do segundo posto do Concurso Internacional de Mónaco.
Así, o espectáculo que despedirá a Semana Grande de Ferrol contará este ano coa novidade da tirada de fogo cruzado sobre a baía da cidade, disparando tamén dende A Graña e o recinto portuario, como é habitual. Ao remate dos clásicos fogos de San Ramón, os ferroláns e ferrolás poderán gozar do concerto gratuíto do grupo Fangoria, integrado por Alaska e Nacho Canut. A que segue a ser 20 anos despois unha das artistas nacionais de maiores repercusión, subirase ao escenario da Praza de Amboaxe a partir das 00:00 horas. “Mil campanas”, “Ni tú ni nadie”, ou “A quién le importa” son algúns dos éxitos que soarán en Ferrol como peche dunha programación de auténtico luxo.
Corte ao tráfico na zona da Praza de Amboaxe
Con motivo da celebración do concerto de Fangoria, a Policía Local procederá a cortar ao tráfico rodado as seguintes rúas da zona: rúa María con Sánchez Barcaiztegui, rúa Arce con Sol, rúa Real con San Diego, e rúa Magdalena con Méndez Núñez. Así mesmo, recoméndase como zonas de estacionamento alternativas a explanada exterior do Cuartel de Sánchez Aguilera, o barrio de Esteiro e o barrio de Recimil (na rúa Ramón y Cajal e no aparcamento do Pilar).











