A Semana Cultural de Oroso propón un completo programa de actividades gratuítas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+

O Concello de Oroso xa ten todo listo para unha nova edición da Semana Cultural, que terá lugar do 21 ao 30 de agosto. Teatro, maxia, inchables, excursións, obradoiros, festa da escuma, deportes… conforman un amplo programa de actividades gratuítas para todos os gustos e idades, aínda que cunha maior presenza de iniciativas para os máis pequenos da casa. Un programa organizado polo Concello de Oroso e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, La Caixa e Instituto Galego de Consumo.

O alcalde en funcións, Eduardo Veiras, convida a todos os veciños e veciñas a participar nas actividades da Semana Cultural. “Penso que dende o Concello de Oroso fomos quen de elaborar un programa moi atractivo, con actividades para todos os gustos e idades. E, salvo a excursión multiaventura e o concurso de pádel, todas elas terán carácter gratuíto, que ben sabemos todos o difícil que é chegar a fin de mes”, apunta Eduardo Veiras.

O Concello de Oroso abre ata o vindeiro martes 20 de agosto o prazo de inscrición en tres destas actividades gratuítas, pero que requiren de anotación previa. Trátase da viaxe ao Aquapark de Cerceda (21 de agosto), do obradoiro “Criterios para a escolla de xoguetes” (22 de agosto) e da xincana “A busca do tesouro perdido” (26 de agosto). Así mesmo, ata o 26 de agosto será posible anotarse no II Torneo de Pádel Concello de Oroso (5 euros por parella), mentres que no caso da excursión multiaventura o prazo remata o 28 de agosto.

13 de agosto de 2013 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.