A segunda quenda do campamento urbano da Laracha conta con 26 nenos
Un total de 26 nenos de idades comprendidas entre os tres e os sete anos participan na segunda quenda do campamento urbano que organiza o Concello da Laracha no marco do programa de actividades de verán.
O campamento urbano comezou a desenvolverse onte luns e rematará o venres. En horario de 9.00 a 14.00 horas os participantes realizan diversas actividades ludo-recreativas nas instalacións do pavillón do IES Agra de Leborís. Como proposta educativa complementaria, mañá mércores realizarán unha saída ao parque eólico experimental de Sotavento, no concello lugués de Xermade. Alí aprenderán interesantes cuestións relacionadas coas enerxías renovables e serán concienciados sobre a importancia do aforro enerxético, da reciclaxe e do respecto ao medio ambiente en xeral.
Esta actividade, como a maioría das que se ofertan no programa de verán, ten por finalidades esenciais ofrecerlles aos nenos alternativas lúdicas, culturais e educativas para o aproveitamento do seu tempo libre e, aos seus pais, unha axuda para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral durante as vacacións do verán.
Cabe lembrar que na primeira quenda, desenvolvida a primeiros de xullo, participaron outros 35 nenos. En ambos casos o Concello da Laracha asumiu o custe íntegro da actividade, polo que a inscrición foi totalmente gratuíta.











