A Ruta BTT Río Tambre ten un compoñente solidario

Farase unha recollida de alimentos para familias necesitadas de Brión
A asociación cultural, medio ambiental e deportiva “O Esquío no Piñeiro” (Brión) xa conta con case 200 inscritos na segunda edición da Ruta BTT Río Tambre-Brión, que terá lugar o próximo domingo 8 de setembro. Dende a asociación sinalan que “aínda que quedan 10 días para anotarse, aconsellamos aos afeccionados que o fagan canto antes, pois só dispoñemos de cen prazas libres”. Anotacións que poden facerse a través do blog: http://rutabttdotambre.blogspot.com.es/p/inscrición_05.html antes do 4 de setembro.
O custo da inscrición é de 10 euros, prezo que inclúe os avituallamentos durante a ruta, seguro de responsabilidade civil e accidentes, servizo de ambulancia, servizo de recollida en caso de accidente ou avaría, lavado de bicicletas, duchas, comida de confraternización e, por cortesía de Aquafit Xestión, disfrutar da piscina cuberta para darse un baño despois da proba. Ademais, esta mesma semana acordouse que o agasallo deste ano para todos os participantes será unha camiseta deseñada por Xosé Vizoso, prestixioso artista plástico residente en Brión que levou ata o 2012 o departamento de deseño da Fabrica de Cerámica de Sargadelos, quen colabora de xeito altruísta coa proba.
Máis inscricións en Maratón
“O Esquío no Piñeiro” espera reunir a uns 300 ciclistas nesta ruta en bicicleta de montaña, que conta coa colaboración do Concello de Brión e que este ano presenta como novidade a realización de dous circuítos, con dous niveis de esixencia: unha ruta duns 40 quilómetros e cunha dificultade física media; e un Maratón, 70 quilómetros e cunha dificultade física alta. A primeira está pensada para que calquera amante da bicicleta, cun mínimo de preparación, poida rematala; mentres que a segunda terá unha esixencia física alta. Curiosamente, máis do 70% dos inscritos ata o momento estanse a decantar pola opción do maratón.
Aínda que non é unha proba competitiva, a organización ten previsto facer unha entrega de trofeos a modo de agradecemento aos participantes máis novos e máis veteranos, así como ao club participante máis numeroso. Finalmente, outra das novidades importantes desta segunda edición é que será cronometrada por Cronotec.
Solidariedade e nenos
Como novidade neste 2013 e para que os mais pequenos da casa tamén poidan desfrutar do ambiente da II Ruta BTT Río Tambre, a empresa Aquafit Xestión S.L. (concesionaria da piscina cuberta municipal de Brión) vai organizar esa mesma mañá o I Día da Bicicleta de Brión. Ao igual que a II Ruta BTT Río Tambre, esta proba non será competitiva e tamén terá un compoñente solidario xa que se fará unha recollida de alimentos para familias necesitadas de Brión, polo que tódolos participantes que o desexen poderán achegar o seu graíño de area a esta causa.
A Ruta Mini-BTT contará cun percorrido de dificultade baixa que sairá as 11:00 horas da piscina cuberta municipal. O circuíto está pensado para que calquera poida rematalo sen problemas e estará controlado en todo momento polas forzas de seguridade e mais por voluntarios. Aínda así, os nenos e nenas obrigatoriamente deberán ir acompañados sempre por un maior.
Apadriña unha árbore
Está previsto que a marcha non dure mais de 30/40 min. (segundo o nivel dos participantes) e despois haberá agasallos, avituallamento e lambonadas para todos os participantes. Un día de festa para toda a familia. Para participar no I Día da Bicicleta de Brión é preciso anotarse na piscina cuberta municipal de Brión ou no teléfono: 981 88 73 46. O prezo “simbólico” para anotarse é de 1 euro por participante, que será destinado ao programa “Apadriña unha árbore” que promove a asociación “O Esquío no Piñeiro”.











