A romaría de Santa Margarita pon o domingo o broche de ouro ás festas María Pita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

As festas María Pita 2013 finalizarán o próximo domingo, 25 de agosto, coa tradicional romaxe que se celebrará durante toda a xornada no parque de Santa Margarita. Este singular espazo da cidade será escenario de actividades para todos os públicos, dende talleres para os máis pequenos, a concursos, música ou o concerto da banda galega Los Limones, completando un total de 13 horas de festa, dende as 11.00 ás 00.00 horas.

En concreto, o Festival de artes de rúa Faranduleando instalarase no parque de Santa Margarita e ofrecerá actividades ás 11.00, ás 17.00, ás 18.00, ás 19.00 e ás 20.00 horas. Haberá talleres infantís de clown, iniciación á fotografía creativa, marionetas, reciclaxe, colaxe, teatro, danza, percusión, coiro, cuentacuentos, marcapáxinas, malabar e as actividades Movémonos?, Los Colores e Crea os teus personaxes. A estes talleres sumaranse actividades e xogos infantís dende as 11.30 horas.

Ás 12.00 horas a Banda Municipal de Música ofrecerá un recital e ás 12.30, a área canina do parque acollerá o concurso Niño con can, organizado por Cancoruña. Ás 13.00 horas iniciarase un dos concursos gastronómicos de maior tradición dentro desta romaxe como é o Concurso de empanadas que se celebrará no anfiteatro e que outorgará tres premios de entre 150 e 700 euros.

O día pecharao o grupo galego Los Limones cun concerto a partir das 21.30 horas e a sesión de lumes artificiais a media noite que poñerá fin ás festas María Pita 2013.

O Concello da Coruña invita a todos os coruñeses e visitantes a que se unan a esta romaxe que se celebrará o domingo no parque de Santa Margarita, na que se poderá pasar un agradable día en familia e despedir, como se merecen, as festas María Pita 2013.

22 de agosto de 2013 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.