A ría de Vigo acolle durante a fin de semana o IX trofeo Acimut Norte de Cruceiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioDeportesDeportes PortadaLocalLocal PortadaVigo
A-
A+
Saída da edición anterior

Saída da edición anterior

Todo a punto para que este sábado ás 15.30 horas dea comezo a 9ª Edición do Trofeo Acimut Norte que organiza o Fondeadoiro de San Adrián de Cobres coa colaboración do Náutico de Cobres e que vén a ser a regata de cruceiros xa clásica de final de agosto na Ría de Vigo.

As previsións de vento non son todo o boas que se desexarían, xa que se ben se mantén a compoñente norte destas últimas xornadas, o vai facer con moita menos intensidade e bastante sol. E sobre todo, con moi altas temperaturas. O Comité de Regatas espera de todos os xeitos que os ventos térmicos fagan aparición a partir de media tarde.

Novamente incluíuse unha frota tan en auxe na Ría de Vigo como é a de barcos menores de 23 piés (6,95 metros de eslora) que corren sen maiores complicacións en tempo real e entre os que destacan algún como o “CORVO MARIÑO”, “MADEIRA SEGUNDO”, os ” PUNTA LAGOAS” e o recén adherido “MAZINGER Z” cos Gándaras abordo. E na frota ORC, xa está inscrito o flamante Campión Galego absoluto de cruceiros deste ano, o “CODASTE” do MRCY Bayona que patronea Nacho Campos, sendo o seu armador Roberto Fontán. Tamén estarán auténticas “máquinas” que levaban sen navegar tempo como son o 40.7 “STARFIGTHER” de Julio Rodríguez ou o IMX 40, “MARKA” que levará Melchor Barja e que utilizará esta regata de banco de probas para o Ctº. de España de Cruceiros a semana que vén en Bayona. Non faltarán tampouco o “UNUS” (gañador desta regata en varias edicións), ou o “MENUDETA”, un Sun Legende 41 que defende o seu título do ano pasado aquí e ademais vén de gañar este ano a afamada Regata El Gaitero en Asturias, entre moitos outros. En ambas as dúas xornadas realizaranse percorridos costeiros dunhas 12 a 15 millas de lonxitude total pola enseada de San Simón, ponte de Rande, Moaña, Cangas e La Guía como puntos de virada e con saídas e entradas nas inmediacións do fondeadoiro de San Adrián.

Como diciamos, a saída o sábado ás 15.30 h. e o domingo ás 13.00 h.

30 de agosto de 2013 | 11:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.