A reparación dun pasadizo no Barrio das Flores costará 82.500 euros
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, visitou hoxe as obras de reparación que o Goberno local está a realizar no pasadizo que enlaza as rúas Girasoles, Azar, Orquídeas e Caraveis, no Barrio das Flores.
Tal e como explicou o concelleiro, a área de Infraestructuras detectou unha degradación avanzada no formigón da marquesiña por carbonatación, así como corrosión nas armaduras. A actuación, que terá unha duración de 3 meses e un presuposto de 82.539,93 euros, consistirá na reparación da estrutura de formigón armado e na formación de pendentes na cuberta da marquesiña para evitar a acumulación de auga. Afecta a unha estrutura de 180 metros e realizarase en 5 fases para compatibilizar as obras co uso do pasadizo.
En concreto, comezarase desprendendo todo o formigón danado para, posteriormente, quitar o óxido da superficie da armadura. Despois aplicarase un pasivante para mellorar o seu ph e protexela fronte á corrosión futura. Finalmente rexenerarase con resinas acrílicas e fibras de polipropileno. Ademais, formaranse pendentes na cuberta da marquesiña co obxectivo de evitar a acumulación de auga na súa parte superior. Para conseguilo, aplicarase un recrecido con pendentes de entre o 3 e o 4% cara a ambos os dous lados.
Fernández Prado explicou que esta actuación se suma ás obras de urbanización no ámbito do pavillón de deportes municipal e á renovación de beirarrúas da rúa Pondal, traballos que tamén comezaron onte e que se enmarcan, todos eles, no programa de modernización de espazos públicos ao que o Goberno local destina 11 millóns de euros no presuposto de 2013, dos 2,4 resérvanse a espazos peonís.
ACTUALIDADE
O concelleiro tamén se referiu ás obras do Ofimático e, tamén explicou que quedan dúas licenzas por outorgar que contan con todos os informes técnicos municipais pero que deben, aínda, completar a documentación. Tamén informou de que quedan 7 propietarios que permanecen na zona. Neste sentido, o Goberno local está á espera de, dende hai tres semanas, de que comuniquen se aceptan a oferta realizada polo Concello para que poñan prezo á súa propiedade co obxectivo de que un terceiro se faga cargo dela e poidan deixar de ser promotores.
Por outra parte, Fernández Prado insistiu en que a solución á folga na planta de tratamento de lixo pasa por minimizar as súas consecuencias chegando a acordos en vez de agravando a situación. Por iso reiterou que o Concello poñerá todos os medios necesarios para garantir o servizo e instou a empresa e os traballadores a que utilicen o diálogo para solucionar un problema laboral no ámbito laboral.











