A renovación da rúa Emilia Pardo Bazán ascende a 241.000 euros
O Concello da Coruña, a través da área de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, informa de que investirá 241.087,24 euros en acondicionar a rúa Emilia Pardo Bazán. En concreto, trátase dunha renovación integral que afectará tanto á calzada coma ás beirarrúas, co obxectivo de ofrecer as mellores condicións de circulación tanto para os peóns coma para os condutores. Os traballos consistirán en:
> Substitución do pavimento peonil. Para emendar as deficiencias existentes utilizarase baldosa granallada combinando gris claro con gris basalto.
> Substitución do pavimento rodado. Colocaranse lousas das mesmas características que as existentes.
> Rede de fecais. Proxéctase a reposición da actual rede de saneamento aumentando o diámetro, que pasará dos 200 milímetros actuais ata os 315.
> Rede de pluviais. Incorporarase unha nova rede de recollida tanto de augas de escorrentía superficiais como para canalizar as baixantes da recollida de augas pluviais dos edificios contiguos.
Con este conxunto de actuacións, o Goberno local busca a renovación urbana desta céntrica rúa para o uso e desfrute dos veciños. A obra forma parte do compromiso do Concello por manter as rúas e barrios da cidade nas mellores condicións e por modernizar os espazos públicos, finalidade á que destina no presuposto de 2013 ao redor de 11 millóns de euros.











