A praia de Doniños acolle esta fin de semana o Campionato Internacional Surfcasting cidade de Ferrol
O “XI Campionato Internacional Surfcasting Cidade de Ferrol. 12 horas por parellas”, terá lugar os días 24 e 25 de agosto na praia de Doniños.
O evento está organizado pola Asociación Deportiva Peña “O Rodaballo” e patrocinado polo O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Deportes, que dirixe Susana Martínez Galdós.
A totalidade das capturas obtidas serán entregadas á Cociña Económica de Ferrol.
A proba dará comezo este sábado ás 21:00 horas -previamente, ás 17:30 horas, celebrarase unha concentración no Restaurante El Gallo, en Valón, onde se procederá ao sorteo dos postos-. A competición desenvolverase en dúas mangas de cinco horas e media cada unha, en dous sectores distintos cun prazo dunha hora para o cambio de posto. O remate do campionato se prevé para as 09:00 horas do domingo, día 25 e ás 10:00 horas farase a pesaxe das capturas no restaurante citado con anterioridade, onde se ofrecerá un almorzo a todos os participantes e se procederá á entrega de trofeos. O participante que capture a peza de maior peso recibirá un premio especial consistente nun trofeo e un xamón.
Está prevista a participación aproximada de 40 parellas nesta proba, na que é posible inscribirse ata mañá. Así, os interesados en participar neste campionato de pesca aínda poden inscribirse na xornada de hoxe mércores a través da dirección de correo electrónico rodaballoferrol@gmail.com, a inscrición é gratuíta.











