A praia da Madalena en Cedeira acollerá o tradicional Concurso de Castelos na area
As actividades da Semana Infantil que organiza o Concello de Cedeira continuarán mañá co tradicional Concurso de Castelos na area. Será nesta ocasión no tramo de inicio da praia da Madalena, a partir das 11 horas. E, xa o venres, desenvolverase a Carreira Popular, a partir das 20 horas con punto de inicio na Praza do Sagrado Corazón.
Iso si, a inscrición abrirase unha hora antes do comezo da marcha.
Ambas as dúas actividades toman o relevo das celebradas esta mañá. As Carreiras de Humor volveron congregar un bo número de nenos e nenas, que participaron nas diferentes modalidades como as carreiras de sacos, portando un ovo nunha culler ou o tiro de corda.











