A Policía Local da Coruña realiza 4.232 controis de velocidade nunha campaña da DXT

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O departamento municipal de Mobilidade e Seguridade Cidadá, a través da Policía Local, participou nunha nova campaña especial sobre vixilancia e control da velocidade da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Entre os días 19 e 25 de agosto, o 092 realizou 4.232 controis na cidade, durante os que 48 condutores foron denunciados, apenas o 1,13% do total de vehículos.

O Concello participou nesta nova campaña da Dirección Xeral de Tráfico, dentro do compromiso do Goberno local por unha mellor coordinación co resto de administracións e para garantir unha maior seguridade en materia de mobilidade. En total, efectuáronse 4.232 controis, a unha media diaria de 604. A Policía Local comprobou que 48 condutores infrinxiron as normas de circulación en materia de velocidade -a 32 dos infractores xa se lles notificou a denuncia en estrada-.

O número de condutores denunciados por exceso de velocidade diminuíu nos últimos anos a nivel estatal, pero é preciso realizar o máximo esforzo no control e vixilancia da velocidade pois supón un impacto moi importante na calidade de vida das zonas urbanas -en especial, na seguridade de peóns e ciclistas-. A velocidade é determinante, xa que a partir de 80 quilómetros por hora é practicamente imposible que un peón non faleza nun atropelo, mentres que a unha velocidade de 30 quilómetros por hora o risco de morte do peón se reduce ao 10%. Ademais, levar unha velocidade axeitada podería evitar unha cuarta parte dos mortos en accidente de circulación, e no 24% dos casos de accidentes mortais en estrada apreciouse que a velocidade é un factor clave.

O Concello subliña a importancia de colaborar coa DXT, pois a circulación na cidade é o primeiro dos escenarios onde o condutor inicia a adquisición de hábitos e costumes. A área de Mobilidade e Seguridade Ciudadana informou dos resultados obtidos durante os controis á Dirección Xeral de Tráfico, que á súa vez remitirá ao Concello as conclusións finais desta campaña.

A Policía Local xa colaborou este ano coa Dirección Xeral de Tráfico noutras campañas. En abril, por exemplo, xa participou nunha campaña de vixilancia e control da velocidade nas vías urbanas de similares características ás que se organizou a semana pasada na Coruña.

31 de agosto de 2013 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.