A “Orta solidaria de Cambre” comeza a dar os seus primeiros froitos

Produtos recollidos da “orta solidaria”
O concelleiro delegado de Xuventude, Voluntariado e mobilidade do Concello de Cambre, Fernando Caride Suárez, acudiu esta mañá á primeira entrega á despensa de alimentos, obtidos na “Orta Solidaria de Cambre” xestionada dende o seu departamento pola Agrupación de Voluntarios de Cambre. A horta, inaugurada o pasado mes de marzo na capital municipal ten como obxectivos fundamentais a cohesión entre os veciños/ás, voluntariado e o barrio onde se asinta. Ademais, os fins que persegue son a integración social de colectivos vulnerables usuarios de servizos sociais, en busca da aprendizaxe social e finalmente a doazón da produción á Despensa municipal de alimentos.
Esta mañá recolleuse e remitido á despensa de alimentos a primeira colleita formada por leitugas, acelgas remolacha e cabaciñas que en pouco máis de 3 horas foron repartidas entre 12 familias usuarias dos programas de servizos sociais.
Caride quixo destacar a enorme solidariedade dos veciños de Cambre e en especial, quixo transmitir as súas felicitacións á agrupación de voluntarios de Cambre por facer posible este proxecto. “Decenas de persoas que viven en Cambre con problemas económicos serios empezan hoxe a beneficiarse do traballo e a solidariedade dos nosos veciños. A súa demostración de solidariedade debe ser un exemplo para todos os cambreses”. Así mesmo, mostrou o seu desexo de que este traballo dure moitos anos e “o que comezou como unha experiencia piloto” se consolide e se converta nun referente para outros municipios.











