A oficina de información ao visitante de Loiba permanecerá aberta ata o 24 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Turismo manterá aberta ata o próximo 24 de agosto a oficina de información ao visitante situada en Loiba (de luns a venres pola tarde e sábados pola mañá). A decisión de prorrogar unha semana o horario de apertura da caseta adóptase, en vista do seu bo funcionamento e como medida de apoio á recente estrea da área de aparcadoiro de autocaravanas existente na parroquia.

Dende a área de Turismo apúntase que os visitantes que paran nesta caseta, situada na entrada do municipio chegando dende Mañón e A Mariña, buscan basicamente información acerca dos puntos de interese existentes na localidade, coa impresionante costa de Loiba como un dos principais reclamos, así como os outros municipios do Ortegal.

A oficina, pensada para reforzar o servizo municipal de atención ao visitante durante o período máis potente da tempada alta (inicialmente do 22 de xullo ata a celebración do Mercado Mariñeiro, o pasado fin de semana), axudando especialmente a dar a coñecer a zona norte do municipio, mellorou os datos de afluencia do pasado verán, especialmente nas últimas semanas. Por iso motivo, a edil responsable da área, Mª Cruz Sabio apostou por mantela operativa durante unha semana extra.

Subliña a concelleira o “esforzo adicional en materia de información turística” realizado este verán polo goberno de Rafael Girón “para captar o maior número posible de visitantes”. Un empeño que se traduciu na edición de novo material promocional sobre o especio protexido das costas de Espasante, Céltigos e Loiba e no avance da introdución das novas tecnoloxías no campo da promoción en destino (oficina de turismo virtual e códigos QR no Bordo Litoral de Ortigueira).

Finalmente, cabe sinalar que é o terceiro ano consecutivo que o goberno local dispón, a xeito de reforzo do Centro de recepción de visitantes, que funciona durante todo o ano no porto de Ortigueira, de dous puntos adicionais de información ao turista, situados na AC 862, a antiga oficina de Ortigueira, operativa ata mediados de setembro, e a caseta de Loiba.

20 de agosto de 2013 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.