A mostra FOTODECÓ de José Pardo reflexiona sobre Cedeira a través de imaxes expostas en caixas de luz
FOTODECÓ, do fotógrafo ferrolano José Pardo, recalará en Cedeira este mes de agosto. En palabras do seu autor, trátase dun proxecto que nace no Colexio de Arquitectos de Lugo en xuño de 2012 coa intención de evolucionar a medida que avanza polas diferentes salas que visita. Nesta, a súa cuarta parada, e a través de imaxes expostas en caixas de luz reflexiona tamén sobre a Vila. No Palacete Municipal, sede da exposición, acompañarán estas imaxes ao resto da mostra, integrada por outras once fotografías en gran formato.
O alcalde da vila, Leopoldo Rubido, presidirá o acto de inauguración da exposición o próximo xoves, 8 de agosto, a partir das 20 horas. Un acto aberto ao público. A partir de entón, a mostra poderá visitarse de luns a domingo ata o próximo 21 de agosto nos seguintes horarios. De luns a venres, de 10,30 a 14 e de 17,00 a 20 horas; os sábados de 11 a 14 horas e, os domingos, de 11,30 a 13,30 horas.
Breve currículo do autor
José Pardo (Ferrol, 1969)
Remata en 1992 os estudos de fotografía. Tras colaborar co “Diario 16 de Galicia”, pasa a traballar en 1993 para o xornal “A Voz de Galicia” e cofunda a empresa de servizos fotográficos Aspa. Ademais do seu traballo continuado como fotógrafo de prensa, participa en exposicións colectivas e individuais e colabora en diversas publicacións. Entre elas, gardan especial interese o seu participación no libro “Jofre” (2005) conmemorativo da reinauguración do histórico teatro da súa cidade natal; a exposición titulada “Saias” (2007) realizada para o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira; a achega ao libro e proxección de retratos “Ferrol, A Cidade Vivida” (2008), editado pola Concellería de Cultura del Concello de Ferrol; o libro sobre o barrio ferrolano de “A Madalena” (2010), ou máis recentemente “Ás Meninas de Canido” (2011).











