A Mostra do Voluntariado de Vilagarcía saca á rúa as actividades de vintecinco organizacións sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Xuventude e Voluntariado pecha mañá os actos da Semana do Voluntariado coa celebración da Mostra do Voluntariado e a Gala Solidaria. Un total de 25 organizacións sociais participan este ano na mostra que se desenvolverá na Praza de Galicia e que coincide coa conmemoración do Día Internacional da Solidariedade.

A Praza de Galicia será o epicentro da Mostra do Voluntariado. En pleno centro da cidade conformarase á a zona expositiva onde se disporán as carpas das organización participantes e onde se habilitará unha zona de actividades na que se desenvolverán diversas accións a proposta e a cargo das entidades de acción social: obradoiros interxeracionais, xogos populares, manualidades, actuación de grupos folclóricos, contacontos, música, animación infantil…. Todo elo co obxectivo de exteriorizar a súa importante labor, informar aos interesados sobre os programas que realizan, así como captar axudas e voluntarios.

Programa de actividades

10.30 h. Apertura da Cidade do Voluntariado. Inauguración. Mostra de Voluntariado a cargo das entidades de acción social de Vilagarcía. Animación musical por parte de grupo folclórico (a cargo da Fundación Lar)
A partir das 11.00 h.
– Carpa Xplora Xuventude (de 11.00 a 20.00 h) información e asesoramento sobre os recursos e os programas que ofrece a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a todos os mozos e mozas en diversos ámbitos: Iniciativa Xove, Xuventude en Acción, voluntariado xuvenil e ambiental, axudas carné de conducir, etc…
– Obradoiros de manualidades para nenos/as:
– Manualidades a cargo de Voluntariado do Concello de Padrón
– Obradoiro de refugallo de Cruz Vermella Salnés
– Obradoiro de coiro, fieltro e goma eva de asociación Con eles
– Xogos populares (Agasallos doados por distintas entidades participantes na Mostra)

12.00 h.: Exhibición de Zumba (a cargo de asociación de Linfedema)

12.30 h. Desfile de voluntarios/as do Refuxio da Protectora de Animais cos cans en adopción. Exhibición de obediencia a cargo de especialista.

13.30 h.: Exhibición a cargo de Protección Civil

15.00 Descanso

Coa Mostra do Voluntariado, a Concellería de Xuventude e Voluntariado que dirixe Sandra García pretende difundir e promover a labor das asociacións da nosa comunidade, así como recoñecerlles e agradecerlles a labor desinteresada que prestan as persoas voluntarias. Outra das finalidades é sensibilizar á cidadanía e fomentar os valores de solidariedade e voluntariado para con todas as causas e colectivos máis necesitados, e sempre baixo o prisma da tolerancia e o respecto.

Por outro lado, a meta desta iniciativa é crear un espazo para a sensibilización e a convivencia, para o intercambio de experiencias, todo elo a través dun traballo de base coas entidades de acción social que operan no noso contorno de xeito que se abre todo un mundo de posibilidades de converxencia multisectorial e se dá visibilidade, á vez que se difunden, as actividades de todas estas entidades e dos voluntarios que fan posible o desenvolvemento de numerosos proxectos solidarios co seu traballo do día a día.

Lista de participantes

Os colectivos que participan este ano na Mostra do Voluntariado son no sector de discapacidades: Asociación Bata, Por Dereito, Asociación de Disminuídos Psíquicos Con Eles, Lar Pro Saúde Mental, AGL. Asociación Galega de Linfedema e FEGEREC. No apartado de enfermidade e enfermidades crónicas estarán presentes AFASAL, Asociación Española contra o Cancro (AECC), AREVA, Comité Arousán Antisida (Ccanvihar) e a Liga Reumatolóxica Galega. O colectivo de organizacións humanitarias presentes na Mostra de Vilagarcía intégrano o Club de Leóns de Vilagarcía, Asociación Galega do Pobo Saharaui, AGARESO, Cáritas Interparroquial de Arousa, Cruz Vermella do Salnés, Fundación Amigos de Galicia, Solidariedade Internacional de Galicia, Rede Economía Alternativa e Solidaria de Galicia (REAS), Asemblea de Loita contra o paro (ALPA) e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. A Fundación Galega Contra o Narcotráfico e Proxecto Home representan aos colectivos de loita e atención ás drogodependencias mentres que a Coordinadora de eventos socioculturais (CDESC) e Asociación Protectora de Animais e Plantas completan a lista de entidades participantes.

A estas hai que engadir a carpa Xplora da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que tamén acode á Mostra.

Fin de festa no Auditorio

Despois dunha longa xornada de actividades e tamén de traballo para difundir a súa labor, as organizacións socias porán o broche final á Semana do Voluntariado cunha celebración lúdica e festiva no Auditorio Municipal, onde a partir das 21 horas terá lugar a Gala Solidaria. Tamén neste acto, as entidades serán as protagonistas, xa que son elas as que patrocinan ou desenvolven directamente as actuacións. De feito haberá teatro a cargo do Grupo de teatro Banco de Tempo de Valladares (patrocinado por Reas Galicia), un contacontos, a cargo da Protectora de animais; a actuación das Cantadeiras Bulideiras de Fontecarmoa, a través da colaboración da Asociación Por Dereito); a música do Grupo de acordeóns “Arosa Bay” por deferencia de Proxecto Home), a intervención do cantautor Gonzalo Arca, co patrocinio de Areva, e a actuación do Xabreu Orfeón, por xentileza da Liga Reumatolóxica Galega.

30 de agosto de 2013 | 10:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.