A mostra ‘Colores’ poderá visitarse na Casa do Escudo de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalVerín
A-
A+

Ata o 31 de agosto, a Casa do Escudo de Verín acollerá a exposición de expresionismo abstracto ‘Colores’, de Manuel Losada.

Esta mostra, conformada por 24 obras, posúe unhas particularidades expresivas difíciles de encadrar en canto ao seu contido e a súa forma, tanto polas técnicas non convencionais que utiliza coma pola visión espacial que ofrece. Como indica o autor, “realmente é necesario despoxarse de falsos dispositivos intelectuais para acceder a ela dende a contemplación mesma e deixarse levar polos minimundos que aprisiona cada cadro. Son pinturas para imaxinar, para ser transportados por sendeiros pouco andados, arroupados entre cores e formas singulares”. Unha idea que corrobora coa pintora Luz Darriba afirmando que “Gauguin suxería que os artistas para ‘pintar de memoria’ debían usar os seus propios recursos interiores para chegar a creacións únicas na recreación do expresionismo abstracto. Este factor adicional abre novos camiños pictóricos nos cales a percepción espacial e a representación artística se basea en premisas diferentes menos racionalistas. Polo tanto a busca de novas estratexias conduce a unha actitude cara á arte máis polemicamente conceptual, sendo este o resultado que se expón nesta sala”

Manuel Losada, nace en Pazos (Verín) en 1957. Despois de pasar a maior parte da súa vida entre Santiago de Compostela, Madrid e Tenerife, aséntase por fin en Lugo, onde coñece a pintora uruguaia Luz Darriba, que o anima no ano 1997 a facer a súa primeira exposición na casa da Cultura da Milagrosa (Lugo). A partir de aquí comeza durante 8 anos unha singladura de exposicións, nas que percorre salas de Lugo, Aranda de Duero (Burgos), Vigo, Monforte de Lemos, Burela, Foz, O Barco de Valdeorras, Villablino (León), Chaves (Portugal) e a propia Casa do Escudo de Verín. Ao mesmo tempo, animado pola Galería Androx de Vigo, entra a formar parte dun grupo de pintores e escultores, que participa en mostra conxuntas en León, O Barco de Valdeorras, Olivenza (Badaxoz) ou Peñafiel (Valladolid).

A mostra poderá visitarse de luns a sábado, ambos os dous días incluídos, de 17 a 20.30 horas (horarios alternativos para grupos e visitas con cita previa no 988-411614).

6 de agosto de 2013 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.