A “Malla Tradicional” de Ortigueira arrastrou numeroso público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

 

Malla tradicional de Ortigueira

Malla tradicional de Ortigueira

As máquinas de mallar entraron por segundo ano consecutivo no céntrico recheo da Alameda. Centos de veciños e visitantes acudiron á “II Malla tradicional”, organizada pola Concellaría de Medio Rural e que, debido á chuvia, se atrasou á espera de que escampara ata as 13 horas. A demora imposta polos trebóns, que finalmente reapareceron, conferiu protagonismo á mostra de artesanía de Galicia impulsada en paralelo á recreación agraria, e á churrascada popular.

Aínda que desluciu a xornada, a chuvia non puido co empeño dos promotores da malla de mostrar ao numeroso público congregado na Alameda, como se realizaba hai anos este traballo agrícola, marcadamente cooperativo, destinado a extraer o cereal limpo do trigo para, por exemplo, facer o pan que nas casas se consumía ao longo do ano.

O concelleiro de Medio Rural, José Yáñez, animouse a colaborar cos veciños na faena, realizada con máquinas restauradas que se utilizaban nos anos sesenta, mentres centos de persoas seguían o desenvolvemento dos traballos.

A malla era, hai anos, un dos encontros/festas máis tradicionais das zonas nas aldeas nas que se cultivaba o centeo e o trigo. Reflectía ademais en boa medida o grao de colaboración que se establecía entre os labradores veciños á hora de realizar as tarefas agrícolas, máis alá dos vínculos familiares.

Ademais, co ánimo de diversificar a oferta, a xornada festiva completouse cunha mostra de artesanía na que non faltaron os oficios tradicionais (zoqueiros, cesteiros, canteiros, ferreiros, ceramistas…) con demostracións en vivo. Ademais houbo espazo para talleres de construción de instrumentos, entre outros, o obradoiro de gaitas Seivane, ou curiosidades como a pintura sobre tella. Finalmente, e como corresponde, non faltou a boa mesa, coa posibilidade de optar entre a churrascada popular ou o polbo.

26 de agosto de 2013 | 21:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.