A Laracha saca a licitación o contrato de limpeza e mantemento das zonas verdes
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou sacar a licitación o contrato de limpeza e mantemento das zonas verdes situadas no termo municipal despois de que a Comisión Informativa de Réxime Interior, Persoal, Medio Ambiente, Servizos Municipais e outros asuntos do Pleno, tamén reunida hoxe, acordase aprobar os pregos que rexerán o procedemento.
Nos próximos días ditos pregos serán publicados no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e nese momento abrirase o prazo para que as empresas interesadas presenten a correspondente oferta.
En total inclúense 38 ámbitos cunha superficie conxunta de 86.000 metros cadrados. Trátase, esencialmente, das principais áreas de recreativas e de descanso das parroquias, así como das prazas e parques públicos, os paseos fluviais e os entornos de edificios e instalacións de titularidade municipal.
Os servizos que comprende o contrato serán o continuo mantemento en bo estado, así como o coidado das especies vexetais e, de ser o caso, a reparación dos sistemas de rego automático das áreas verdes públicas.
O ámbito de actuación que contemplan os novos pregos é maior que nos anteriores debido ás ampliacións de áreas verdes (principalmente, a de Gabenlle) e a creación de novas prazas públicas realizadas por parte do Concello da Laracha durante os últimos anos.
O orzamento máximo de licitación ascende aos 529.183,21 euros e a duración do contrato será de catro anos prorrogables por outros dous máis.
Contrato de limpeza de edificios
A Xunta de Goberno Local tamén adxudicou provisionalmente o contrato de limpeza de edificios e instalacións municipais, neste caso á empresa Limpezas, ajardinamientos y servicios Seralia, S.A.
A adxudicación fíxose a proposta da mesa de contratación, que clasificou a semana pasada as ofertas presentadas para participar neste procedemento.
O Concello da Laracha destinará anualmente preto de 200.000 euros á limpeza da Casa do Concello, o novo edificio administrativo, a Casa da Cultura da Laracha, as bibliotecas municipais da Laracha e de Caión, os centros médicos da Laracha e Caión, o centro sociocultural de Paiosaco, os locais da Ínsua en Caión, a escola infantil A Galiña Azul da Laracha, o CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, o CEIP da Fraga (Soandres), a EEI de Cumiáns (Montemaior), os pavillóns polideportivos de Caión e do IES Agra de Leborís e o campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco.
A duración do contrato é de catro anos prorrogables por outros dous máis.
Mellora das instalacións do campo municipal da Porta Santa
As obras que contempla o proxecto que inclúe unha serie de melloras nas instalacións do campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco comezarán a executarse nos próximos días despois de que a Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha adxudicase hoxe o contrato na súa reunión ordinaria.
O proxecto está valorado en máis 50.000 euros e será cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña e contempla tres actuacións diferenciadas: ampliarase a cuberta do edificio dos vestiarios e pecharase por completo, con cristaleiras, a zona situada fronte á cantina, nas gradas instalaranse asentos plásticos e realizaranse melloras dirixidas a cortar o paso do vento para favorecer as condicións térmicas e, por último, as taquillas integraranse no interior do recinto acometendo unha pequena modificación no muro da entrada principal ao campo.
Estas actuacións van dirixidas a facer máis agradable a estancia nas instalacións tanto do público asistente aos eventos deportivos que aquí se desenvolven como aos pais dos nenos que adestran no campo ao longo do inverno, dado que o espazo cuberto que se creará a carón dos vestiarios poderá ser utilizado como sala de espera.
Certificacións de obras
Por último, salientar que foron aprobadas certificacións de obras por un importe próximo aos 150.000 euros, referidas á creación da praza no Cruceiro da parroquia de Lestón e a melloras de estradas rurais nas parroquias de Cabovilaño, Coiro, Erboedo, Lemaio, Montemaior, Soandres, Soutullo e Vilaño











