A Laracha mellorará a estrada que dirixe desde Amboade ata Samiro e Vista Alegre
Continuando co desenvolvemento do Plan municipal de mantemento e conservación da rede viaria, o Concello da Laracha acometerá nos próximos días unha actuación dirixida a mellorar a superficie de rodadura na estrada que comunica o lugar de Amboade con Samiro e Vista Alegre, na parroquia de Vilaño.
Recentemente o Concello da Laracha realizou unha obra de similares características na parroquia de Montemaior, concretamente nos accesos a Santa Margarida desde a estrada que dirixe ao veciño municipio de Cerceda.
Trátase de actuacións que o goberno local considerou acometer con carácter de urxencia ante o desgaste das vías que se xerou durante o inverno e co propósito de aumentar a seguridade viaria e facilitar o tránsito dos vehículos por estas estrada que dan acceso a núcleos de poboación rural de certa entidade.
Estas actuacións, cuxo custe asume integramente o Concello da Laracha con fondos propios municipais, acométense agora que están practicamente rematadas a totalidade das obras referidas a melloras viarias incluídas nos proxectos que se cofinancian con cargo aos plans provinciais POS e DTC-94











