A I Festa do deporte de Ortigueira vivirá o seu gran día coa Carreira Popular o 10 de agosto
Esta mañá arrancaba a “I Festa popular do deporte de Ortigueira”. Unhas 120 persoas participan nos torneos de basket 3 x 3 e fútbol 5 que se desenvolven na xornada de hoxe, se ben mañá será o día grande da iniciativa coa celebración, pola tarde, da “II Carreira popular”, organizada nesta ocasión pola casa do concello e o Club de Atletismo Alejandro Gómez. Para o fin de festa, prepárase unha multitudinaria churrascada na Alameda, organizada pola Comisión de Festas de Santa Marta 2014.
Os afeccionados ao deporte teñen mañá día completo en Ortigueira. A partir das 10 horas, a cancha da área deportiva da Preguiza acollerá as distintas semifinais e a final do torneo de fútbol 5. Ademais, nas pistas de skate existentes nesta mesma zona arrancarán as clases gratuítas de patinaxe en liña, que se prolongarán ata as 14 horas.El programa inclúe ás 11 horas, no pavillón municipal, situado no CEIP José Mª Lage, a semifinais e final do torneo de basket 3x 3 disputado na mañá de hoxe.
Xa pola tarde, a Área deportiva da Preguiza, acollerá, de 16 a 18 horas, unha exhibición de rollerblading e Freestyle, a cargo do Club deportivo Galicia Rollers e, a continuación a Alameda convértese en punto de saída da “II Carreira Popular” que, a expensas dos máis demorados que se poidan anotar a última hora, se achega xa aos trescentos inscritos nas distintas categorías.
As probas das categorías inferiores, comezarán ás 18:30 h, e ás 19:30 h iniciarase a carreira absoluta, homenaxe ao ciclista local Suso Cobelo, que se celebrará sobre as distancias de 5 ou 10 km, a elixir polos corredores/as.
A “I Festa popular do deporte de Ortigueira” pecharase cunha multitudinaria churrascada na Alameda, organizada pola Comisión de Festas de Santa Marta 2014, na que ademais dos que compitan nas distintas probas que accederán gratuitamente, poderán participar, en aboando 5 euros, aqueles veciños que o desexen, ata esgotar os tíckets.
Dende o goberno local invítase a todos os veciños a seguir en directo o desenvolvemento das distintas competicións programadas dentro destas xornadas destinadas a impulsar o exercicio físico e destacar a práctica de deporte como clave para ter un estilo de vida máis saudable.











