A Festa do Pulpo do Carballiño atraerá aos grandes chefs de cociña de Galicia
Dentro da programación da Festa do Pulpo do Carballiño presentáronse as II Xornadas Gastronómicas, nas que participasen grandes cociñeiros galegos, como é o caso dun dos principais expoñentes da cociña galega na actualidade, Pepe Solla, do restaurante Solla de Pontevedra, estrela Michelin e pertencente ao Grupo Nove.
O alcalde do carballiño, xunto coa edil de Turismo, presentaron estas Xornadas Gastronómicas, que comezarán o mércores 7 de agosto, ás 19:30 horas, na carpa instalada na praza de Emila Pardo Bazán. O encargado de inaugurar estas xornadas será o xa mencionado Pepe Solla, cun taller culinario e receitas baseadas no produto estrela o Pulpo. Tras Solla realizarase unha cata comentada por Víctor Pérez, enólogo da adega Pazo Tizón.
Xa o xoves, 8 de agosto, tamén ás 19:30, a quenda será para Antonio Botana, xefe de cociña do restaurante Pandemonium, pertencente tamén ao Grupo Nove, que engloba os principais cociñeiros de Galicia. Botana está considerado como un dos cociñeiros que mellor saca o sabor do Pulpo nas súas distintas elaboracións.
Por último o venres 9 realizarase unha sesión ás 12:30, con Román Dacosta, dos Servizos Gastronómicos, e pola tarde abrirase o taller aos nenos e nenas do Carballiño que, acompañados por Román Dacosta, realizarán eles receitas sinxelas, que lles servirán para achegarse ao mundo da cociña e a gastronomía.
Todas estas actividades están abertas ao público, sendo o único requisito para poder participar das catas, tanto de viño coma dos pratos que se realicen, estar na carpa antes do inicio de cada xornada, xa que só participarán os que ocupen os postos colocados para estas Xornadas Gastronómicas.











