A Festa do Pan de Neda, convertida en festexo de Interese Turístico de Galicia, cumpre 25 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaNeda
A-
A+

Como vén sendo tradición, o primeiro domingo do mes de setembro celebraráse en Neda a súa Festa do Pan. Unha cita que, máis aló do ámbito local, xa é patrimonio galego grazas á súa recente declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia por parte da Xunta. Un recoñecemento polo que leva traballando o Concello con intensidade nos últimos doce meses e que chega nun momento especial, xa que neste 2013 a cita gastronómica cumpre nada máis e nada menos que vintecinco anos. Para celebralo, o goberno municipal preparou unha completa programación que inclúe dende concertos ata talleres de elaboración do pan para nenos e maiores, rutas polos muíños primixenios e orixe da actual industria panadeira ou mesmo degustacións a través dos pinchos que elaborarán os negocios hosteleiros da real vila. O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón, e a concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, presentaron esta mañá a axenda deseñada en torno á Festa do Pan, nun acto que tivo lugar no Parador de Turismo da cidade naval.

No mesmo, Ignacio Cabezón Lorenzo destacou que, coa festa, Neda pon en valor o seu producto gastronómico por excelencia. Aquel que durante séculos convertiu á real vila en capital do trigo de Galicia. Ao respecto, lembrou que a orixe da tradición panadeira de Neda remóntase á Idade Media, cando nacen importantes industrias, como os muíños de trigo, en torno ao río Belelle, ao seu paso pola localidade, onde forma o Salto da Fervenza. Salientou que a calidade das súas augas dan como resultado un pan sen comparación e que incluso Felipe II, xa en 1558, elixe á vila para o asentamento das chamadas Casas Reais, fábricas de bizcoito e fornos de provisión con destino ás Armadas dos Reis de España. Unha calidade que nace das mellores augas do país para a elaboración de pan, tal e como posteriormente corroboraron estudos científicos. E unha calidade que se mantén ata os nosos días, engadiu.

Veciños e visitantes poderán comprobalo o 1 de setembro, cando se acheguen ao Paseo Marítimo para asistir á Festa. Nesta liña, Montse Rico explicou que as panaderías iniciarán a venda de pan, empanadas ou repostería a partires das 10 horas. Instalarán os seus postos Panadería O Carrizo; José Castro; Paca Castro Romero; Santa Rita; La Gallega e, como industria colaboradora, Roberto González.

En torno ás 12,30 horas, o polifacético comunicador e showman Xacobo Pérez procederá á lectura do pregón co que se inaugurará a festa e, a continuación, entregaránse os premios da II edición do Concurso de Pinchos “Mellor… con Pan de Neda”. Así mesmo, a animación musical correrá a cargo, entre outros grupos, de Parranda La Nuestra, co que se garante o ambiente festeiro. Xa ás 14 horas dará comezo a tradicional comida popular. Este ano, Montse Rico explicou a súa intención de reeditar a venda anticipada de tickets co ánimo de acortar os tempos de espera dos asistentes. Así, aqueles que recurran a este sistema e merquen os bonos nas oficinas municipais (en horario de mañá) ou nos negocios hosteleiros da Ruta do Pincho “Mellor… con pan de Neda” evitaranse as colas que normalmente se producen e terán un sitio xa reservado á mesa. Actualmente, a concelleira de Turismo está en negociacións con locais da comarca para que tamén eles poñan os tickets a disposición da veciñanza. O menú, de doce euros, inclúe empanada, arroz con polo, churrasco, bola de Neda e café, así como bebidas e, como non, o tradicional pan da real vila.

Así mesmo, no entorno do mediodía, o público asistente ten unha cita co “Tiro de corda no río Xubia”. Iso si, para participar é preciso inscribirse previamente nas oficinas municipais e formar un equipo de seis persoas (masculino, feminino ou mixto). Os gañadores levarán como recompensa unha cesta con productos tradicionais da feira.

Así mesmo, e durante toda a xornada, a concelleira Montse Rico explicou que, co ánimo de facilitar a asistencia das familias, a Festa do Pan contará cun parque infantil no que nenos e nenas poderán acceder a diferentes xogos ou inchables.

Brothers in Band

Alcalde e concelleira destacaron esta mañá o esforzo do Concello para ofrecer actividades pa-ra todos os gustos en torno á Festa do Pan. Así, por segundo ano consecutivo, o Concello, en colaboración cos negocios hosteleiros da real vila, reeditará o Concurso de Pinchos “Mellor… con Pan de Neda”. Veciños e visitantes poderán realizar entre o 15 e o 25 de agosto unha ruta por diferentes establecementos nos que degustar orixinais pinchos nos que un dos seus ingredientes será, necesariamente, o pan. O Concello facilitará unhas cartillas nas que os clientes deberán valoralos, xa que esas puntuacións determinarán os negocios gañadores. A listaxe de participantes é a seguinte: Bar A Canteira, Pazo da Merced, Bar Hermida, Mesón O Fumazo, Bar Neda, Bar El Cubano, Bar A Pía, Vinoteca O Lagar, Café Bar A Graña, Híper Energy (E.S. Cruz do Pouso), Taberna O Carreiro e Mesón de Toni.

Así mesmo, e unha das propostas máis novidosas desta edición, será a celebración do concerto de Brothers in Band. O sonido Dire Straits inundará o Paseo Marítimo de Neda o 30 de agosto a partires da medianoite. Un concerto que se espera multitudinario con entrada libre e gratuíta. Nin o propio Guy Fletcher, teclista de Dire Straits dende 1984, puido distinguir a Brothers in Band dunha grabación da propia banda de Mark Knopfler en abril de 2008. Por isto, e polos seus máis de 60 concertos por toda España, a formación pode presumir de ser o auténtico sonido Dire Straits, pasando por salas tan míticas como “Kafe Antzokia” de Bilbao ou a “Sala Heineken” de Madrid, hasta prazas de concellos e teatros. Máis de dúas horas de duración cos temas máis míticos dos Dire.

Para os máis pequenos

Nenos e nenas terán un especial protagonismo este ano na programación da XXV Festa do Pan. A concelleira Montse Rico avanzou nesta línea a celebración da primeira edición do Peke-Pan. Toda unha tarde de diversión para rapaces de todas as idades no Paseo Marítimo.

Dende as 18 horas e ata entrada a noite, poderán participar en obradoiros de elaboración do pan, con forno incluído, ou actividades de animación e xogos. Actividades completamente gratuí-tas. As prazas para participar no obradoiro de elaboración do pan serán limitadas e cubriránse por orden de chegada.

Ademáis, Montse Rico anunciou que, como vén sendo tradición, o Concello volverá a celebrar a Ruta dos Muíños do Belelle. Aberta á participación de todo aquel que esté interesado en coñecer de preto o proceso de elaboración do pan, a ruta está programada para o sábado, 31 de agosto, xornada previa á Festa do Pan. Esta camiñata guiada e gratuíta, de tres horas de duración, inclúe a visita a varios muíños, onde se ve o proceso de elaboración do pan, con degustación incluída. Partirá ás 10,30 horas do adro da Igrexa de Santa María, e discurrirá polo marxe do río Belelle ata o Roxal. Rematará nun dos muíños, onde os participantes poderán asistir a unha demostración do seu funcionamento e degustar despois productos típicos de Neda. O regreso prevése sobre as 13,30 horas. A concelleira Montse Rico agradeceu a colaboración da firma Motus Gestión de Tiempo Libre na organización desta ruta e apuntou que para participar é preciso inscribirse previamente na Casa da Cultura da localidade.

Nesta liña, a edil Montse Rico avanzou tamén que, no marco da programación, aínda que xa avanzado o mes de setembro, o Concello prevé inaugurar no Albergue de Peregrinos unha mostra cos mellores traballos realizados na Quedada realizada este ano en torno á Ruta dos Muíños, así como cos carteis presentados ao certame convocado pola Administración local.

Por último, o alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, e a edil responsable de Promoción Turística, Montse Rico, quixeron invitar a toda a cidadanía a reservar na súa axenda o domingo para achegarse á real vila e desfrutar do mellor pan do mundo.

6 de agosto de 2013 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.