A estratexia para Alvedro permite ao aeroporto ser o único de Galicia que crece en pasaxeiros
O alcalde, Carlos Negreira, valorou esta mañá algunha das boas noticias que se produciron na cidade nos últimos días. Entre elas, destacou o crecemento no número de pasaxeiros do aeroporto de Alvedro durante o pasado mes de xullo: “Se nota e moito a estratexia que está a seguir este Goberno municipal, por iso Alvedro é un dos oito aeroportos españois que creceu no último mes e un dos once que o conseguiron no mes de xuño”, explicou e engadiu: “Está a despegar grazas ao asentamento de compañías como Vueling coas súas conexións a Londres, Sevilla e Barcelona e, a partir de setembro, Bilbao; ou como Air Europa que nos permite chegar a máis de 700 destinos”, asegurou e engadiu que é o único aeroporto galego con 9 frecuencias diarias.
“Isto tradúcese en que os nosos empresarios teñen unha maior conectividade co exterior; prodúcese un reembolso importante para o conxunto de cidadáns porque baixou o prezo do billete; e logramos unha cidade máis competitiva que repercutirá nun ano 2014 moi importante no sector de congresos”, avanzou.
Carlos Negreira fixo balance, tamén, destes primeiros días de festas de María Pita 2013 e destacou o bo ambiente: “A cidade está moi chea e os hoteis e hostalaría están a traballar moi ben. Nos actos de María Pita temos récords de asistencia e esperamos que este fin de semana sexa mesmo mellor. Temos un mes de agosto como merecemos: para todos coruñeses e para toda a bisbarra”, explicou e continuou: “O sector turístico é unha fonte importante de emprego e un acontecemento como as festas é un investimento porque xeran actividade económica”.
Negreira tamén se referiu á grande operación de rexeneración urbana que se vai realizar no ámbito do Parrote e que vai devolver ao cidadán case 60.000 metros cadrados, xunto coa actuación da Mariña: “Non” se fixo “nun momento con máis oportunidades e consegue agora axuda doutras administracións e institucións. A cidade merece o mellor nesta zona para recuperar a súa centraliade. É unha das obras que axudará a volver nivelar a cidade e quitar 40.000 coches da superficie. Favorecerá actividades económicas, a organización de feiras, eventos culturais e deportivos de forma máis doada”, subliñou e engadiu: “Este goberno está a xogar ao ataque porque se esixen xestores que o fagan así e non á defensiva”.
Noutra orde de cousas, o alcalde mostrou a súa satisfacción pola licitación da rehabilitación da Fábrica de Tabacos que recuperará “a actividade do barrio de Catro Camiños e afianzará A Coruña como capital xudicial de Galicia”; e a licitación da Escola Infantil Municipal do Agra do Orzán: “Temos menos das que necesitamos, é unha gran demanda e dende o primeiro minuto ocupámonos deste asunto. Creo que a final do mandato o balance será positivo porque haberá un 50% máis de prazas que cando chegamos”. Tamén subliñou a solución á conexión das rúas Glasgow e Picasso: Adxudicouse en 2008 e 5 anos despois damos solución a un problema importante: Non deixar illados dous barrios que quedaban cunha fronteira no medio”, asegurou e concluíu avanzando que o século XXI será o das comunicacións para a cidade.











