publicidade hoxe

A estrada LU-P-0101 no Valadouro está a recibir melloras de aglomerado e sinalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaLugoO ValadouroProvincias
A-
A+

O inicio dos traballos que a institución provincial levará a cabo na estrada provincial e que contan cun orzamento de 240.000 euros. Dando pronta resposta á solicitude feita polo rexedor, a Deputación comezou os traballos actuais unha vez rematou as tarefas previas de acondicionamento, previstas no Plan de Rebacheo da Deputación para o 2013 para a zona 2, na que se inscriben máis de 600 quilómetros de estradas do Valadouro e doutros 11 Concellos, e que conta cun orzamento de máis de 774.000 euros.

As melloras da LU-P-0101, de Gontán a Ferreira do Valadouro, supoñen un importante servizo para os habitantes tanto deste Concello coma do veciño de Abadín, xa que esta vía establece unha comunicación directa entre ambos. Ademais, para os veciños do Valadouro contan cunha estrada que facilita o acceso a unha importante zona de concentración parcelaria.

Gómez Besteiro destacou que este tipo de actuacións nas estradas de titularidade provincial supoñen “un gran esforzo económico para garantir, dentro das nosas posibilidades, o mantemento da que é a rede viaria provincial máis extensa de España”. Edmundo Maseda quixo destacar a “relación fluída” que mantén a institución provincial co Concello do Valadouro, “non só pola rapidez en dar resposta a esta petición de mellorar unha estrada provincial, senón noutros aspectos nos que presta toda a colaboración necesaria ós veciños e ó Concello, coma en novas tecnoloxías co Satelíz@te; o asesoramento técnico e xurídico que temos sempre á nosa disposición, ou con iniciativas coma o exitoso Lugoteando, que veu por primeira vez ó Concello”

As actuacións, que previsiblemente rematarán a vindeira semana, consisten na mellora do firme da estrada LU-P-0101 naqueles puntos onde os técnicos do organismo provincial consideraron necesario, coa aplicación de aglomerado en quente nun tramo de máis de 4 quilómetros. A Deputación de Lugo ten desprazado á zona unha decena de operarios e a maquinaria necesaria: unha pá estendedora; 5 ou 6 camións de transporte de aglomerado e 2 apisonadoras, estando previsto que rematen os traballos no prazo dunha semana. Ademais, habilitarase sinalización horizontal e vertical na totalidade deste tramo.

Conservación da rede viaria provincial

Precisamente a Deputación vén de aprobar o pasado mes de xuño, o inicio do proceso de adxudicación da conservación da rede viaria provincial para o que resta de 2013 e para todo o ano 2014, por valor de 3,4 millóns de euros. A rede de estradas provinciais é a máis extensa de España -conta con case 4.200 quilómetros-, para cuxo mantemento e mellora a institución provincial ten achegado no Orzamento deste ano 5,5 millóns de euros, ós que hai que engadir estes 3,4 millóns.

24 de agosto de 2013 | 00:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.