A Coruña invirte máis de 200.000 euros na mellora do alumeado público en sete puntos da cidade
O Concello da Coruña, a través da área de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, informa de que acometerá os traballos de mellora eficiente da iluminación pública en sete puntos da cidade. En concreto, trátase da Rolda de Camilo José Cela, Cantóns e Sánchez Bregua, avenida da Universidade, praza de Avenida de Arteixo número 67, Jacinto Benavente, praza Casares Quiroga e avenida Rubine. As melloras permitirán aforrar 15,7 kw/h.
Rolda de Camilo José Cela. A actuación consiste na desmontaxe e retirada da instalación existente e a posterior instalación de 17 conxuntos de luminarias que permitirá reducir o consumo enerxético nun 30%.
Cantóns e Sánchez Bregua. A obra inclúe a desmontaxe e retirada das 28 unidades de luminarias do vial e a substitución dos grupos ópticos nas luminarias peonís. Con esta solución reducirase o consumo nun 37%.
Avenida da Universidade. Os traballos consisten na reposición das 10 columnas eliminadas e a ampliación da instalación.
Praza de Avenida de Arteixo 67. Desmontaranse e retirarán as 14 luminarias existentes, que se substituirán por outras de tipo LED, o que levará consigo un aforro do 70%.
Xacinto Benavente. Substituiranse 38 lámpadas e instalaranse dúas novas co fin de reducir o consumo enerxético nun 40%.
Praza Casares Quiroga. A actuación inclúe a desmontaxe e retirada das instalacións existentes e posterior substitución por 28 luminarias tipo LED. Conséguese reducir nun 72% o consumo.
Avenida Rubine. Como nos casos anteriores desmontarase e retirará a instalación existente e substituirase por tecnoloxía LED co conseguinte aforro do 70% de enerxía.
Todas estas actuacións, nas que se investirán 226.000 euros, aproximadamente, forman parte do Plan de Eficiencia Enerxética que desenvolve o Goberno local e do proxecto de modernización da rede de iluminación da cidade, que teñen como finalidade un cambio tanto na xestión coma no consumo enerxético da Coruña para lograr un significativo aforro ao longo do mandato.











