A Coruña inaugura a área infantil de Santa Margarida tras mellorar e modernizar as súas instalacións

Visita dos concelleiros á nova área infantil
O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, acompañado das concelleiras de barrio Carmen Hervada e Susana Pazo, visitou a área infantil de Santa Margarita tras os traballos de mellora realizados nas últimas semanas e nos que o Concello investiu 107.723 euros. “Esta actuación permitiunos acondicionar a área e os elementos existentes, ademais de implantar novos xogos co fin de modernizar as instalacións, pero tamén facilitar a convivencia dos menores cos seus maiores (avós) grazas á instalación de áreas biosaludables”, asegurou o concelleiro.
Os traballos tiveron os seguintes obxectivos:
– Mellora da accesibilidade. Instalouse un aparcabicis de aceiro inoxidable e un bambán adaptado.
– Maior funcionalidade. Grazas á instalación de xogos máis polivalentes e que permiten un maior número de usuarios.
– Adestramento motora. Apostouse por xogos biosaludables para favorecer o uso compartido do parque por parte de nenos e persoas maiores.
– Mellor aproveitamento do espazo. O ratio de espazo de xogos é de 182,40 metros cadrados ocupados, o que supón preto do 40% da superficie.
– Abrir o ámbito de idade. Búscase un labor de integración dos usuarios habituais do parque de Santa Margarita. En moitas ocasións, as persoas que coidan os nenos son os seus avós, de aí que se aposte por un espazo común e divertido para a aprendizaxe e o xogo tanto de avós coma de netos.
Aproveitouse a actuación para mellorar as instalacións co repintado de bancos, a reparación dos peches de madeira e a restauración dos xogos existentes. Ademais, substituíuse o pavimento de area compactada por caucho de seguridade e céspede artificial. A área de xogos infantís conta cun certificado que avala o cumprimento das normativas actuais.
Este proxecto trata de poñer en valor o ámbito no que se acha, xa que se mellora a integración a área de xogos e o resto do parque mediante o seu deseño, no que destaca o uso de céspede artificial e a recuperación da madeira existente para que o ámbito sexa bosque e o parque sexa xogo e esparexemento. Un dos pulmóns máis importantes da nosa cidade contará en diante cunha área de xogos acorde, aberta a usuarios de todas as idades, incluíndo un circuíto de elementos biosaludables, gran número de elementos que fomentan a motricidade e a aprendizaxe e unha mellora importante na súa accesibilidade. Un parque para todo e para todos.
Este proxecto súmase á primeira fase do Plan de Reforma Integral do parque de Santa Margarida, que se adxudicou por un importe de 67.034,84 euros e cuxas actuacións, centradas no acondicionamento dos espazos axardinados, comezarán tras o verán co fin de non entorpecer o uso masivo que se fai do parque durante a época estival.











