A Coruña ampliará a rede de augas pluviais na Rolda de Nelle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A Concellaría de Infraestruturas proxecta a ampliación da rede de augas pluviais na rolda de Nelle. Nesta primeira fase, cun investimento municipal de 226.583,90 euros, as obras executaranse entre a rúa Agra do Orzán e Paseo de Rolda, unha canalización que alcanzará os 180 metros de lonxitude.

Os técnicos de Infraestructuras certificaron a necesidade de realizar obras que permitan mellorar a canalización de augas pluviais na zona, pois o pozo situado á altura do número 142 da rolda de Nelle reborda cando as precipitacións son abundantes. Por este motivo, optouse pola execución deste novo proxecto, que se desenvolverá en varias fases ata dispoñer dunha rede separativa que evite os problemas actuais.

A primeira fase executarase entre a rúa Agra do Orzán e Paseo de Rolda, cunha canalización de 180 metros de lonxitude. O proxecto deseñado permitirá que a enchedura máxima da canalización rolde o 75%, polo que se garante o correcto funcionamento da rede de pluviais durante todo o ano.

Para instalar o colector, demolerase o firme no ancho de gabia que sexa preciso, executando unha reposición provisional de formigón para dar servizo ao tráfico. Unha vez remátese de instalar toda a rede de pluviais procederase á retirada desta capa provisional de rodadura, o seu fresado e colocación do pavimento definitivo, cunha capa de 20 centímetros de formigón e 6 centímetros de rodadura bituminosa.

30 de agosto de 2013 | 11:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.