A Coruña acollerá o V Campionato Ibérico de Fútbol Sala para Forzas e Corpos de Seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioDeportesDeportes PortadaLocalLocal Portada
A-
A+

28082013-18O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude do Concello da Coruña, Francisco Mourelo, recibiu esta mañá no Pazo Municipal de María Pita aos organizadores do V Campionato Ibérico de Fútbol Sala para Forzas e Corpos de Seguridade, que se celebrará na cidade entre os días 13 e 14 de setembro e no que participarán unha vintena de equipos de España e Portugal.

O responsable municipal de Deportes destacou que é a primeira vez que esta competición se disputa na cidade. Organizada pola Asociación Cultural e Deportiva CNP Galicia e coa colaboración do Concello, Francisco Mourelo afirmou que este tipo de eventos fomenta o deporte entre os cidadáns, a convivencia e o compañeirismo. Ademais, conta cun compoñente solidario, pois se realizará unha Operación Quilo en favor da Cociña Económica.

A primeira fase do torneo celebrarase o venres 13 de setembro no Pazo dos Deportes de Riazor e os pavillóns municipais dos Rosales e Labañou. Dos 18 equipos participantes que se dividirán en grupos en formato liga, clasificaranse 12. A segunda fase da competición disputarase o sábado, día 14. Pola mañá, os equipos enfrontaranse de novo en formato liga en Riazor e Os Rosales. Dos 12 clubs clasificaranse 8, que o sábado pola tarde disputarán en Riazor as roldas eliminatorias (cuartos de final, semifinais, terceiro e cuarto posto e a gran final). Entre o terceiro e cuarto posto e a final, xogarase un triangular entre os equipos benxamíns da Asociación de Clubs de Fútbol Sala da Coruña (Futsaco).

O Concello e os organizadores deste evento deportivo solicitan a colaboración cidadá. Todos os partidos serán de entrada gratuíta, aínda que na fase final (o sábado 14 de setembro pola tarde) as persoas que desexen acudir ao Pazo dos Deportes de Riazor deberán vir acompañados da súa achega solidaria para a Operación Quilo en favor da Cociña Económica.

28 de agosto de 2013 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.