A concellería de benestar ferrolá formaliza dous novos convenios de colaboración con Aspanemi e Ategal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol,  que dirixe Rosa Martínez Beceiro, vén de formalizar outros dous convenios de colaboración con entidades sociais da cidade, que se enmarcan no Plan de Oportunidades do Concello de Ferrol. Neste caso, os acordos son coa Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía (Aspanemi) e coa Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal), sendo a contía en cada un deles de 1.000 euros.

No caso do convenio de colaboración con Aspanemi, a achega municipal destinarase ao proxecto “Apoio Familiar” desta entidade, que ten por obxecto a realización das seguintes actividades: terapia de pais/nais co fin de recoñecer e desenvolver o potencial e as capacidades persoais e de relacións de cada un dos membros do grupo; contribuír ao funcionamento da Aula Pedagóxica co fin de precisar apoios e atencións educativas que se precisen en función das súas discapacidades e dos seus problemas de conduta; e levar a cabo terapias individuais.

En canto ao acordo con Ategal, a achega da Concellería de Benestar Social permitirá o desenvolvemento dun taller de pilates-ioga dentro do proxecto de Saúde Activa e Desenvolvemento Persoal  que ten esta entidade. Os obxectivos desta actividade son: exercitar, manter e recuperar o benestar do corpo mediante exercicio físico de baixo impacto; prever a aparición de trastornos de memoria e manter espertas as condicións intelectuais dos maiores; motivar ás persoas máis tímidas integrándoas en actividades grupales e explicar unha serie de técnicas que permitan mellorar a memoria. Os obradoiros impartiranse na sede de Ategal.

2 de agosto de 2013 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.