publicidade hoxe

A Casa do Mel cumpre unha década de actividades cunha Festa Abelleira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesCalendarioLocalLocal Portada
A-
A+
Cartel da Festa Abelleira

Cartel da Festa Abelleira

A Casa do Mel de Goente está de noraboa e é que, neste 2013, celebra a súa primeira década de vida, un aniversario que é necesario conmemorar e por todo o alto. De ahí que dende a propia dirección destas dependencias xunto coa Asociación Galega de Apicultura e o respaldo do Concello de As Pontes, se decidise por organizar unha xornada adicada á conmemoración desta primeira década de actividades apícolas na parroquia pontesa.

Así para o vindeiro 1 de setembro estase a idear un interesante programa de actividades que levará por título Festa Abelleira e na que non faltarán as charlas sobre apicultura, diferentes degustacións de produtos apícolas, un xantar popular e ata a presentación ao público do novo aspecto deste espazo, tralas obras de remodelación destes últimos meses.

De feito, a Casa do Mel de Goente conta, neste momento cunha nova entrada lateral, que permite separar a zona de museo e venda de produtos das áreas de extracción e envasado do mel; un novo salón de actos e unha nova sala de extracción e envasado do mel. Asemade, nestes traballos que supuxeron unha inversión de 28.000 euros, tamén se incluiu a compra de mobiliario e a renovación da tenda apícola, ao que se sumará unha nova cuberta de madeira para a entrada lateral.

Ante tantas novidades, nada mellor que ofrecer nesta festa un intenso programa de actividades co fin de inaugurar estas instalacións do xeito que merecen.

Así, o primeiro de setembro, ás 10.00 horas, terá lugar unha charla sobre a importancia da abella na polinización, que virá seguida dunha disertación sobre a prevención de riscos na apicultura. Tras unha pausa ás 12.00 horas, para degustar diferentes produtos apícolas terá lugar, ás 12.30 horas, unha mesa redonda sobre os 15 anos de Aga Eume e o décimo aniversario da Casa do Mel, co seu presidente Manuel Ferreira coma protagonista. Á unha da tarde inaugurarase esta remozada Casa do Mel e xa ás 14.30 horas terá lugar un xantar para o que é preciso anotarse telefonando ao 661 003 616, denantes do vindeiro domingo día 25.

Asemade durante a xornada tamén será posible visitar o museo da Casa do mel, facerse con algún dos produtos que se ofertan neste espazo ou incluso visitar unha exposición de cestería que tamén permanecerá instalada na Casa do Mel durante este primeiro de setembro.

21 de agosto de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.