A carpa Xplora Xuventude visitará Vilagarcía
A carpa informativa Xplora Xuventude está mañá emprazada no concello de Vilagarcía, na Praza de Galicia, entre as 11,00 e 15,00 horas.
Trátase dunha campaña da Consellería de Traballo e Benestar, organizada a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que tenta achegar a pé de rúa os distintos programas e recursos destinados á mocidade, aproveitando a celebración de eventos con gran afluencia de público, coma neste caso.
Na instalación, ofertaranse contidos de interese, e os interesados disporán tamén do asesoramento de técnicos especializados, que forman parte da Rede galega de dinamización xuvenil.
Non só haberá información, senón que a carpa servirá tamén como un espazo para que grupos de mozos e mozas, así como entidades xuvenís, poidan amosar as súas actividades e propostas, a modo dun escaparate do talento xuvenil.
Esta iniciativa percorrerá un total de 40 concellos galegos co obxectivo de difundir os distintos recursos dirixidos á xuventude.
Para a consulta sobre as datas e lugares de realización desta campaña informativa, os interesados en participar poden atopar máis información na páxina web xuventude.xunta.es.











