A carpa Xplora Xuventude visitará mañá Sarria e Cervo
O concello de Sarria acollerá mañá a carpa Xplora Xuventude, que estará instalada na zona recreativa do Chanto entre as 12,00 e as 14,00 horas. Así mesmo, pola noite trasladarase ata Cervo, onde estará entre as 22,00 e as 2,00 horas na praza da parroquia de San Ciprián.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado puxo en marcha esta iniciativa co obxectivo de achegar a pé de rúa os distintos programas e recursos destinados a mocidade, aproveitando a celebración de eventos con gran afluencia de público.
Os mozos e mozas que se acheguen poderán consultar na carpa distintos contidos e recursos de interese. Ademais, disporán do asesoramento de técnicos especializados, que forman parte da Rede galega de dinamización xuvenil.
Estas instalacións serven, ao mesmo tempo, como espazos para que grupos de mozos e mozas, así como entidades xuvenís, poidan amosar as súas actividades e propostas, a modo dun escaparate do talento xuvenil.
En total, a iniciativa percorrerá 40 concellos galegos co obxectivo de difundir os distintos recursos dirixidos á xuventude. Para a consulta sobre as datas e lugares de realización desta campaña informativa, os interesados en participar poden atopar máis información na páxina web xuventude.xunta.es.











