A aula da Rede CeMIT de San Sadurniño pecha en agosto por vacacións
A aula CeMIT de San Sadurniño toma un descanso despois de varios meses de intensa actividade. Estará pechada ata o 30 de agosto, pero o 2 de setembro retomará os seus cursos cun novo horario. Continúan as accións formativas de alfabetización dixital e tamén os cursos de retoque fotográfico e tratamento de son orientados principalmente a alimentar de contidos o proxecto falamedesansadurnino.org. Actividades que, por primeira vez, tamén se levarán aos locais sociais do territorio.
A partir de setembro a aula situada na casa da Cultura abrirá de luns a venres en horario de 10 a 14 horas e os martes e xoves de 16 a 20 horas. Porén, unha das principais novidades será que comezarán as actividades itinerantes polas parroquias. A primeira será no local da Veiga, en Naraío, onde se impartirá un curso de 12 horas para persoas sen coñecementos en informática ou internet. Desenvolverase os días 3, 5, 10, 17, 19, 24 e 26 de setembro en dous grupos: un de 16 a 17.30 horas e outro de 18 a 19.30. Hai prazas en dous grupos: o primeiro de 16 a 17.30 horas.
É un curso de iniciación co que se pretende que as persoas asistentes aprendan o uso básico dun ordenador, o manexo do rato e o teclado, a edición básica dun texto e os aspectos básicos de Internet, os recursos e servizos que poden atopar na rede, a buscar información e a comunicarse. Aínda que se imparta en Naraío, o curso está aberto a calquera persoa do concello. Ademais, as entidades interesadas en que se leven cursos ás súas respectivas parroquias só teñen que contactar coa axente TIC, Carmen Suárez, na aula CeMIT ou no enderezo electrónico cemit.sansadurnino@xunta.es.
Fálame de San Sadurniño: fotos faladas
Na Rede CeMIT continúa o traballo de ampliación dos contidos da web falamedesansadurnino.org, o espazo colaborativo veciñal onde se recopilan vivencias pasadas e actuais en base a fotografías e sons. Como paso previo a aula ensina a escanear e a retocar fotografías, a gravar e tratar dixitalmente o sonido e, por último, a subir todo o material ao novo espazo incluíndo datos de xeolocalización que permitan saber onde tiveron lugar as historias que se contan.
Así, o curso “Fálame de San Sadurniño: fotos faladas. Retoque fotográfico e edición de audio” terá unha duración de 12 horas e impartirase na aula CeMIT os días 16, 18, 20, 23, 25, 27 de setembro en horario de 10:00 a 12:00.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as actividades só hai que pasar pola aula, mandar un correo ou consultar a web do proxecto CeMIT.











