A Asociación de Empresarios de Mos advirte da suba das taxas municipais na súa reunión coa CEP

Instante da reunión con Luis Novoa Díaz
O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Luis Novoa Díaz, e a directiva da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), liderada polo seu presidente, José Mañas, expresaron a súa preocupación sobre a forte subida das taxas municipais nunha reunión mantida esta mañá na sede da asociación. “As subas van dende o 30 ata máis do 100% no último ano”, advertiu Mañas, quen explicou que ademais, os servizos que obteñen as empresas asociadas a AEMOS “non” están á altura en comparación coa elevada presión fiscal”.
No caso da taxa de recollida, tratamento e eliminación de lixo e de residuos urbanos, resulta paradoxal que o incremento fose do 100% -a metade en 2012 e a outra metade no que vai de ano- cando son moitas as empresas que, pola natureza dos seus refugallos, se ven obrigadas a contratar unha empresa privada que lles preste o servizo. Dende AEMOS advirten que “Mos foi un dos concellos que máis incrementaron case todos os seus principais impostos e taxas nunha porcentaxe mínima dun 30% durante o ano 2013”. Novoa Díaz, pola súa banda, confirmou que este problema é común a outras asociacións empresariais territoriais e que é lamentable que nun momento de contracción económica se incremente a presión fiscal sobre as empresas.
Adicionalmente, a directiva de AEMOS destacou tamén como problemas máis urxentes do tecido empresarial ao que representan, a escaseza crediticia e a carencia de transporte metropolitano. “É preciso denunciar a postura conformista da banca, non só por negar créditos que poderían destinarse a proxectos empresariais, senón por impedir que as pequenas e medianas empresas accedan ao financiamento que necesitan para dar continuidade á súa actividade”, expuxo o presidente de AEMOS. Tanto Luis Novoa coma José Mañas coincidiron en sinalar que a paralización da posta en marcha da Área metropolitana de Vigo obriga a buscar solucións alternativas ao problema do transporte interurbano da bisbarra. Existen necesidades específicas para trasladar traballadores dende os núcleos urbanos ás zonas industriais ou polígonos de Mos que están desatendidas. En concreto, dende “AEMOS propoñemos a prolongación dalgunhas rutas xa existentes dende Vigo, que permitirían cubrir parte da demanda, como poden ser as liñas que chegan ao Meixoeiro ou ao aeroporto de Peinador”, razoou Mañas quen aproveitou a ocasión tamén para mostrar a súa preocupación polo aeroporto de Vigo, insistindo que “dende AEMOS apostamos por que este se potencie e non se deixe morrer”.
Luis Novoa concordou en que é responsabilidade das Administracións dispoñer de transporte fluído axeitado aos horarios de traballo e a prezos alcanzables e mostrouse convencido de que este servizo tería demanda. Ademais, resaltou o importante impacto medio ambiental que tería esta medida “ao reducirse o tráfico, diminuiría a contaminación, por non mencionar que se aliviaría a carga de vehículos en tránsito que saturan os viais, reducíndose os custos de mantemento”.
Ao finalizar o encontro, o xerente de AEMOS, Francisco Domínguez, agradeceu a Luis Novoa o interese mostrado polos problemas actuais do empresariado mosense, e cualificou a súa visita de proveitosa e próxima.











