A agrupación mosense Nosa Terra de Pereiras viaxa á Bretaña Francesa para participar nun festival celta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaMos
A-
A+

O Grupo Folclórico Nosa Terra de Pereiras foi invitado á Festa de Saint-Loup, unha das máis antigas da Bretaña Francesa, durante a que se celebra un festival no que se dan cita grupos de tódalas nacionalidades nas que históricamente se asentou a cultura celta: franceses, irlandeses, escoceses, asturiáns, galegos, etc.

O Grupo Nosa Terra asistirá a este evento cultural internacional que terá lugar do 12 ó 20 de agosto na cidade de Guingamp, representando ó folclore galego e mosense.

O Grupo Folclórico Nosa Terra de Pereiras foi fundado no ano 1981 e na actualidade a súa escola conta con máis de 70 compoñentes con idades comprendidas entre os 4 e os 50 anos. A escola está formada polas catro seccións de: zanfonas, gaitas, baile infantil e baile maior.

Non é a primeira vez que o grupo viaxa ó estranxeiro para facer intercambios culturais, senón que os seus integrantes xa estiveron en Croacia, Italia, Bélxica, Eslovenia e Alemaña.

No ano 2011 a agrupación Nosa Terra de Pereiras cumpriu o seu 30 aniversario e recibiu a Medalla ó Mérito Cultural do Concello de Mos polas décadas de servizo ó baile e a música tradicionais da cultura galega e mosense.

8 de agosto de 2013 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.